cebador -ra
(< cebar)
-
adx e s
Que ou quen ceba.
Ex: A miña avoa era a mellor cebadora de capóns de Vilalba.
-
s
m
[BÉL]
Pequeno recipiente, que os soldados penduraban do pescozo ou do van, no que se gardaba a pólvora que despois se ía verter na cazoleta das armas de fogo.
-
s
m
[TECNOL]
Pequeno dispositivo destinado a producir o cebado de certos tipos de lámpadas de descarga. É o caso do tubo fluorescente, que consta dunha pequena lámpada luminiscente e dunha lámina bimetálica. Ao dar tensión e acenderse o cebador, a descarga inicial quenta a lámina que pecha un contacto e dá corrente aos filamentos do tubo; un pouco despois, a lámina arrefríase e volve á posición inicial e, ao abrirse o contacto, acéndese o tubo e mantense acendido. Tamén hai cebadores magnéticos, térmicos e manuais.
-
s
m
[BIOQ]
Segmento de ADN que se recoñece pola ADN-polimerasa para iniciar a duplicación do ADN. Este segmento presenta un extremo libre (3’) que admite residuos de nucleótidos que o alongan en sentido 5’-3’. A cadea simple á que pertence o cebador coñécese como cadea cebadora, mentres que a cadea complementaria preformada actúa de cadea patrón.