Cedeira

Cedeira

Familia de prateiros de orixe portuguesa, asentada en Santiago de Compostela e activa nos ss XVI e XVII. O iniciador da estirpe, Jorge Cedeira o Vello, oriúndo de Guimarães, traballou en Santiago de Compostela dende 1542. Para a capela de Santa Catarina da catedral compostelá realizou un cáliz de prata dourado coas armas dos Ulloa (1542) e para a capela das Reliquias o busto-relicario de santa Paulina en 1553. Entre as numerosas cruces de prata e ouro que realizou destacan as da igrexa parroquial de Vilanova de Arousa (1552), Santiago de Viveiro (1554), Redondela (1555), Santa Baia de Camba (1561) e a capela da Corticela (1608). En 1562 participou no descubrimento e explotación de minas de ouro, prata, estaño e outros metais na zona de Corcubión e Carballo. Os seus fillos Jorge, Duarte e Luís foron tamén prateiros. Jorge Cedeira o Novo, instalado en Santiago de Compostela, realizou numerosas cruces procesionais, entre as que destacan as de Santa María de Loureda (Arteixo), Santa Baia de Castro (Zas), Santa María de Beariz, San Xurxo de Moeche e San Martín de Riobó (A Estrada). No ano 1594 realizou en prata o busto dunha das compañeiras de santa Úrsula, conservada no relicario da catedral de Santiago de Compostela. Realizou tamén unha lámpada de prata para a igrexa de San Francisco de Ferrol (1599) e outra para Santa María do Campo de Muros (1607). Duarte Cedeira o Vello, traballou en Vigo (1563-1588), onde elaborou unha cruz de prata grande para a confraría da Nosa Señora da Misericordia, co tamén prateiro Alonso Martínez, e outras para a igrexa de Santa María de Ponte Sampaio e para diversas parroquias da diocese de Tui, como as de Guláns, Padróns e Oliveira en Ponteareas, ou as de Torneiros e Atios no Porriño. De regreso a Santiago de Compostela realizou en 1597 unha cruz para Santo André de Pereira (Santa Comba) e un atril de prata encargado polo abade do mosteiro de San Martiño Pinario. En 1599, o cabido compostelán deulle en arrendo durante seis anos as sete tendas da Pratería. Luís Cedeira traballou con anterioridade ao ano 1566, data na que acolleu no seu obradoiro a Xoán López. Realizou, entre outras, as cruces procesionais de San Xoán de Toiriz (Lalín) e San Fiz de Sales (Vedra). Bartolomeu Cedeira , fillo de Jorge Cedeira o Novo, foi prateiro da catedral de Santiago de Compostela a principios do s XVII, para a que realizou diversas obras. En 1607 elaborou un cáliz para a igrexa de San Mamede de Abalo (Catoira) e en 1614 unha cruz de prata para a igrexa de San Xoán de Calo (Teo). Duarte Cedeira o Novo, fillo de Luís Cedeira, foi axudante de Xoán Bautista Celma, para quen labrou algúns dos apóstolos dos púlpitos da catedral de Santiago de Compostela. Elaborou cruces para as igrexas de Santiago de Castelo (Culleredo), Santa Baia de Senra (Ordes) e catro fontes de prata por encargo do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño de Becerra, en 1595.