CEGEBAD

CEGEBAD
Nome científico: [Centro Galego de Educación Básica a Distancia]

Centro creado mediante o Decreto 158/1984, do 27 de setembro, no que se establecen as funcións que lle corresponden para impartir ensinanzas equivalentes a EXB, dirixidas a adultos en réxime de educación a distancia, así como ensinanzas a distancia para nenos en idade escolar que, por causas xustificadas, non poden estar normalmente escolarizados. Con sede na Coruña, depende directamente da dirección xeral de Educación Básica e o seu ámbito de actuación esténdese a toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra funcionan centros colaboradores para facilitar a relación persoal entre o alumnado e o profesorado. En 1986 estableceuse un convenio de colaboración entre o Centro Nacional de Educación Básica a Distancia (CENEBAD) e o CEGEBAD. En 1988 tivo lugar un novo convenio de centros de Educación Permanente de Adultos (EPA) e centros colaboradores do CEGEBAD para converter todos os centros públicos de EPA en colaboradores e, así, achegar as titorías do CEGEBAD. Segundo o Informe do Consello Escolar de Galicia (curso 1992-1993), no curso 1991-1992 estaban matriculados un total de 1.712 alumnos (601 pertencían á sede central, que representaban o 35,10% do alumnado). Entre os anos 1986 e 1991 produciuse un incremento do 23,87% na matrícula, aínda que nas provincias de Lugo e Ourense o número de alumnos decreceu. Dende a promulgación da LOXSE, o centro segue a realizar, ata o ano 2002, probas para a adquisición do Graduado Escolar.

Palabras veciñas

cegano | cegar | cegarato -ta | CEGEBAD | cego -ga | cego -ga | 1 cegoña