Cejudo Álvaro, Xoán
Actor, autor e director. Comezou a súa traxectoria teatral co grupo O Facho nos espectáculos A feira dos criados, de Bertolt Brecht (1966), e O señor Bonhome e os incendiarios de Max Frisch (1966). Posteriormente, traballou con Teatro Circo en Romaría ás covas do demo e Crónica do sol de inverno, ambas as obras de Manuel Lourenzo (1969 e 1971, respectivamente). Realizou co Centro Dramático Galego Woyzeck, de Georg Büchner (1984); A noite vai coma un río, de Álvaro Cunqueiro (1986); Leoncio e Helena, de Georg Büchner (1993); Viaxe e fin de don Frontán, de Rafael Dieste (1995); Nau de amores, baseada en textos de Gil Vicente (1995); ou Hostia, de Armando Cotarelo Valledor (1996). Tamén actuou co Teatro do Malbarate (1992) en Xogos á hora da sesta, de Romá Mahieu. Como director realizou os espectáculos A pousadeira de Goldoni (1987); para o Centro Dramático Galego e para O Moucho-Clerc preparou a coprodución co CDG Da Vinci levaba razón (1987) e Na fraga do conde, baseada en textos de Shakespeare (1989). Tamén dirixiu Fas e Nefas, de E. Blanco-Amor, para Ollomol (1991); Que pasa coas dependentas dos grandes almacéns ao cumpriren os cincuenta?, de Antón Losada, para Pífano Teatro (1998); Morte accidental dun anarquista, de Dario Fo, para Teatro do Morcego (1999); e, de novo co Centro Dramático Galego, Don Xoán de Vidal Bolaño (2000). Como autor, escribiu con Camilo Pardo López, O ceo de pedra (1995), que gañou un accésit no I Concurso de Obras Teatrais Inéditas do Camiño de Santiago no ano 1994. No medio audiovisual participou como produtor executivo en Fendetestas, curtametraxe realizada por A. Simón en 1975 a partir de El Bosque Animado, de W. Fernández Flórez. Tamén traballou como actor en diversas producións para o cine como Morrer no mar (A. G. Pinal, 1984) ou O matachín (J. Coira, 1996). Formou parte do reparto de Rías Baixas, serie producida por Costa Oeste Produciones e dirixida por Jesús Segura para a TVG.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña