Čekhov, Anton Pavlovič
Narrador e dramaturgo ruso. Iniciou os seus estudios na escola grega da súa cidade e despois na escola media profesional. O seu pai arruinouse e tivo que trasladarse a Moscova, mentres el e o seu irmán Iván quedaban en Taganrog. En 1879 trasladouse a Moscova para ingresar na facultade de Medicina. Dous anos máis tarde comezou a publicar os seus contos nos xornais de San Petersburgo e co volume P’ostrye Rasskazy (Contos de todas as cores, 1886) acadou o seu primeiro éxito. É un dos máis xenuínos representantes do realismo psicolóxico, unha tendencia coa que iniciou as súas colaboracións co Teatro de Arte de Moscova, dirixido por Konstantin Stanislavski. Creou un teatro “de estados de ánimo”, renunciou á acción dramática propiamente dita e dedicouse á pintura de atmosferas. Os seus personaxes viven pasivamente ou con angustia a decadencia da Rusia tsarista e plasma a vida diaria da clase media rusa no período anterior á revolución, ao tempo que constitúe un exemplo de construción dramática con aspectos tan fundamentais como a caracterización dos personaxes, a estrutura da trama ou o desenvolvemento da fábula argumental, en plena sintonía coas metodoloxías interpretativas e de dirección de escena do propio Stanislavski. Publicou o volume de contos V sumerkakh (Ó anoitecer, Premio Puškin da Academia das Ciencias 1887), Nevinnye reči (Discursos inocentes, 1887) e Rasskazy (Contos, 1889). Tentado polo teatro, escenificou contos propios e escribiu Platonov (1880-1881), o drama Ivanov (1887), Cajka (A gaivota, 1896), D’ad’a Van’a (O tío Vania, 1897), Try s’ostry (Os tres irmáns, 1901), Višn’ovyj sad (O xardín das cerdeiras, 1903) e tamén pezas curtas como Medved’ (O oso, 1888) ou Predloženije (O noivado, 1889), coas que cambiou dun xeito decisivo o teatro europeo. Cando a súa saúde se veu deteriorada por mor dunha tuberculose, dedicouse a viaxar e a labores filantrópicas, etapa na que escribiu algúns dos seus mellores contos. En Galicia, as súas pezas Petición de man, O oso, A boda e O aniversario traducíronse ao galego e publicáronse en 1982. Producíronse, ademais, diversos espectáculos por grupos como A Farándula (Petición de man, 1982) ou a Escola Dramática Galega (O aniversario, 1982). O Centro Dramático Galego produciu en 1987 o espectáculo As tres irmás e Nove-Dous presentou en 1995 o espectáculo Sobre os danos que fai o tabaco, a partir dun texto seu que xa utilizara a Compañía Danthea en 1985 para o espectáculo Sobre os danos do tabaco.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Taganrog -
Deceso
Lugar : Badenweiller, Alemaña