Cela, Santa María de

Cela, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Bueu. Pertenceu á orde de san Xoán. De orixe románica, trala reconstrución do s XVIII só se conservou a absida do s XII. Ten unha soa nave, cuberta con artesoado de madeira e unha ábsida de planta rectangular cuberta con bóveda de canón apuntado. A ábsida presenta pola cara externa contrafortes que contrarrestan o arco faixón e serven de reforzo para a bóveda que recobre o presbiterio. O arco triunfal é apuntado e dobrado, con chambrana de rosetas e aresta baquetonada; a rosca descansa sobre un par de columnas con capiteis vexetais e bases áticas adornadas nos plintos con figuras humanas e rosetas. No arco faixón destaca a presenza dun personaxe cargando un saco que emerxe de entre as follas do capitel esquerdo. Ao fondo da ábsida ábrese unha fiestra de estrutura completa por dentro e por fóra, na que destaca un capitel con dúas aves picando nun recipiente cóncavo. A fachada principal presenta unha portada abucinada protexida por un beiril que se sostén mediante uns canzorros moi deteriorados e que está formada por dúas arquivoltas apuntadas, rodeadas dunha chambrana de billetes, sostidas por catro columnas acobadadas con bases áticas e capiteis vexetais. No tímpano represéntase a un personaxe cunha túnica curta e capuchón coas mans xuntas á altura da cintura, e flanqueado por unha parella de léons rampantes coas fauces abertas e por dous círculos concéntricos á altura da cabeza. O lintel adórnase con cruces radiadas talladas a bisel e as mochetas que o sosteñen mostran un cuadrúpede e un home sostendo, coas mans e coas pernas, un barril. No s XVIII engadiuse a espadana de dous ocos. A porta meridional decórase cunha cruz radiada e lazos en aspa no lintel. Algúns dos canzorros mostran figuras de animais e de homes en distintas actitudes. Sobre o piñón da nave aparece un agnus dei cunha cruz antefixa.