Celanova, San Miguel de

Celanova, San Miguel de

Capela mozárabe situada no recinto do que fora o xardín do noviciado do mosteiro de San Salvador de Celanova. A este cenobio alude a inscrición que reza no lintel da porta de acceso á capela. A visión que o Papa Gregorio o Grande tivera do arcanxo san Miguel podería explicar a advocación da capela, xa que esta se repite con frecuencia noutras igrexas erixidas durante o s X, case sempre cunha disposición en planta central, como o caso de Celanova. San Rosendo abriu a través desta nova fundación o camiño das influencias mozárabes na arquitectura prerrománica de Galicia. Amosa a integración da tradición construtiva romana coas formas chegadas do mundo musulmán dominante na Península Ibérica neste momento. Da fábrica da primitiva igrexa e do mosteiro só se conserva esta pequena capela, xa que o demais desapareceu coa construción da actual igrexa a mediados do s XVI. No interior da capela destaca a creación dun espazo sorprendente a través da sucesión de tres corpos sen unha visión simultánea e diáfana. O primeiro espacio, unha nave en forma de nártice ao que se accede por unha porta lateral, está cuberto por unha bóveda de ferradura; o segundo espazo é o corpo central de planta cadrada e de maior altura, amodo de cruceiro, cuberto por unha bóveda de arestas iluminada polos ocos abertos na parte alta dos muros; e o último espazo é a ábsida, á que se accede por medio dun arco de ferradura de influencia islámica e que está cuberta por unha cúpula peraltada dividida en gallos. A ábsida está orientada ao leste, lugar polo que nace a luz divina. Na parte exterior destaca o xogo de volumes cúbicos de diferentes alturas que se enfatiza cos muros de cadeirado de granito e a presenza dos contrafortes prismáticos. O efecto de austeridade que prima en todo o exterior só desaparece coa decoración de beirís e modillóns lobulados que percorren o aleiro. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1923.