Celanova. Casa dos Poetas, Premio

Celanova. Casa dos Poetas, Premio
[LIT]

Premio organizado polo Padroado Curros Enríquez, en colaboración co concello de Celanova, que galardoa a unha persoa ou entidade que desenvolva un intenso labor a prol de Galicia. Ditamínase o 7 de marzo, coincidindo co cabodano da morte de Manuel Curros Enríquez e entrégase en Celanova o 31 de agosto, coincidindo coa data da morte de Celso Emilio Ferreiro. O xurado está composto exclusivamente pola xunta directiva do Padroado Curros Enríquez, presidido polo alcalde de Celanova, e o galardón consiste nunha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano, que reproduce por unha das caras a casa de Curros e pola outra, cinco C concéntricas que simbolizan a letra pola que comezan os elementos identificativos do premio: Casa, Curros, Celanova, Castor (Castor Elices, poeta contemporáneo de Curros, natural de Celanova) e Celso (identifica a Celso Emilio Ferreiro). Foron galardoados Xosé Luís Méndez Ferrín (1985), Uxío Novoneyra (1985), Alfredo Cid Rumbao (1985), Ricardo Carballo Calero (1985), Ánxel Fole (1986), Xaquín Lourenzo Xocas (1987), Carlos Velo Cobelas (1988), Xosé Neira Vilas (1989), Manuel María Fernández Teijeiro (1990), Xosé Otero Abeledo Laxeiro (1991), Mesa para a defensa do galego en Asturias (1992), Xesús Alonso Montero (1993), Milladoiro (1994), Carlos Casares (1995), Manuel Colmeiro (1996), Isaac Díaz Pardo (1997), Francisco Fernández del Riego (1998), Xosé Anxo Valente (1999), Xaime Quessada (2000) e Luz Pozo Garza (2001).

Palabras veciñas

Celanova, San Miguel de | Celanova, San Salvador de | Celanova, Terra de | Celanova. Casa dos Poetas, Premio | celanovés -sa | Celant, Germano | celante