Célebes, illas
Arquipélago de Indonesia. Esténdese entre o estreito de Macassar ao O, o mar de Célebes ao N, o mar das Molucas e o mar de Banda ao L, e o mar de Flores ao S. Está constituído por unha grande illa, Célebes (Sulawesi), e por outras máis pequenas, entre as que destacan Butung, Peleng, Muna, Kabia e Banggai. As illas Célebes están compostas por catro penínsulas moi accidentadas e formadas principalmente por lousa e macizos graníticos. O clima é ecuatorial e propicia unha vexetación dominada polo bosque tropical. A poboación está integrada por distintos pobos e tribos; destacan na península de Macassar os macasares e os bugis musulmáns. A principal actividade económica é a agricultura. Exporta café, copra e millo. Ujung Pandang (na antiga Macassar) é o porto e centro comercial principal da illa. No s XIV establecéronse soldados musulmáns no sector meridional. En 1512 os portugueses explorárona e establecéronse nela. A comezos do s XVII comezaron a penetrar nas illas do arquipélago os holandeses, que conseguiron establecer unha factoría que prexudicaba o comercio portugués. En 1667, polo Tratado de Banggai, o sultán de Macassar aceptou o protectorado holandés nunha parte do arquipélago. En 1949 pasou a formar parte da República Indonesia.