celoma
(< gr celo- + -oma)
-
s
m
[ZOOL]
Cavidade secundaria de orixe mesodérmica e orixinalmente bilateral, limitada polo epitelio, e que contén no seu interior o denominado líquido celomático. Ten unha función esencialmente hidrostática. A aparición do celoma foi unha das grandes innovacións dentro da evolución animal. As súas vantaxes non só radican na explotación das posibilidades inherentes da musculatura para novos tipos de movementos, senón tamén na posibilidade da existencia de órganos prensores de acción rápida, empregados para a alimentación, o desprazamento e a explotación de novos hábitats. Ademais, serve de cavidade de almacenamento dos gametos en maduración, feito que reporta un incremento do potencial reprodutor.
-
celoma extraembrionario
[ZOOL]
Cavidade embrionaria situada entre o amnio e o corión na maioría de embrións de mamíferos, formada a partir dunha exfoliación do mesoderma extraembrionario sobre o ectoamnio e o ectocorión durante a formación da cavidade ámnica. Unha vez constituída a placenta, as células de tipo mesenquimático invaden o celoma e forman o pedículo de fixación do embrión ao corión. Posteriormente, o celoma extraembrionario merma en volume e desprázase pola cavidade ámnica.