célula

célula

(< lat cellŭla < latcella ‘oco’)

  1. [BIOL]
    1. s f

      Unidade anatómica e fisiolóxica fundamental da materia viva tanto para os organismos unicelulares como para os organismos pluricelulares; polo tanto, é o sistema organizado máis simple, portador das funcións vitais. Unha célula pode constituír un organismo por si soa, feito que se denomina organismo unicelular, ou formar grupos especializados con outras células dando lugar a tecidos e órganos nos organismos pluricelulares. Os principais compoñentes das células son macromoléculas, isto é, ácidos nucleicos, proteínas e polisacáridos; e moléculas de pequeno tamaño, como lípidos, ATP, AMP cíclico, porfirinas e auga (nun 70-80%). Distínguense dous tipos de células: a procariota, unidade de estrutura das moneras, e a eucariota, unidade estrutural do resto de formas de vida (protistas, fungos, plantas e animais). A célula procariota ten membrana plasmática e citoplasma, pero non ten membrana nuclear que separe o citoplasma do material xenético e non ten orgánulos diferenciados recubertos por membranas como a eucariótica; sen embargo, observáronse algúns elementos celulares que se poden considerar verdadeiros orgánulos, como gránulos e estruturas membranosas citoplasmáticas coñecidas como mesosomas. Os gránulos, comparables aos ribosomas das células eucariotas, sintetizan proteínas. Nas bacterias non fototróficas, os sistemas enzimáticos que interveñen na degradación oxidativa dos nutrientes orgánicos (respiración) e na síntese de compostos de alto contido enerxético, están localizados na membrana plasmática e nos mesosomas. Nas bacterias fototróficas a fotosíntese realízase na membrana plasmática e nas súas invaxinacións, que teñen forma de vesículas (cromatóforos) e de estruturas membranosas. As células procariotas reprodúcense principalmente por bipartición, proceso no que se duplica o único cromosoma, de xeito que cada copia vai a unha célula filla. A célula eucariota, pola contra, está formada por unha membrana plasmática, un citoplasma e un núcleo diferenciado, delimitado pola membrana nuclear, que contén o ADN (en forma de cromatina ou cromosomas segundo a fase do ciclo celular en que se atope). O citoplasma subdivídese, mediante membranas, nun conxunto de cavidades intercomunicadas que forman o retículo endoplasmático e o aparato de Golgi, e nunha serie de compartimentos separados como as mitocondrias, os lisosomas e os plastidios. Estas estruturas membranosas, xunto coas estruturas nucleares (cromosomas e nucléolo) e o centro nuclear, son os orgánulos máis importantes da célula. O conxunto de citoplasma e núcleo recibe o nome de protoplasma. O paraplasma é a parte inerte da célula e inclúe o vacuoma (conxunto de vacúolos) e as diferentes inclusións citoplasmáticas de reserva. O aloplasma comprende as membranas esqueléticas, as formacións cuticulares e as intercelulares. Os cilios e os flaxelos forman o metaplasma. A comparación entre a célula vexetal e a animal demostra, contrariamente ao que se pensou durante moito tempo, que a primeira é máis complexa e completa ca a segunda. A célula vexetal ten unha membrana ben esquelética ou ben de secreción constituída fundamentalmente por celulosa, non presente na célula animal. Ademais, na célula vexetal adulta pódense ver grandes vacúolos citoplasmáticos que poden incluír pigmentos disoltos. Tamén contén plastidios, mitocondrias e, ademais, un núcleo co seu correspondente nucléolo e diversas inclusións das que as máis frecuentes son os oleosomas (pequenas gotas de aceite). A célula animal ten aproximadamente os mesmos constituíntes, a excepción dos plastidios e, normalmente, da membrana esquelética que, en caso de existir, non é de celulosa. Os vacúolos son máis pequenos e menos numerosos, pero, pola contra, son máis visibles os ditiosomas do aparato de Golgi (aínda que tamén están presentes nas células vexetais). Preto do núcleo recoñécese o centro celular que falta nas células vexetais. A célula eucariota reprodúcese en dúas células idénticas á nai mediante o proceso de mitose. Existe un proceso distinto, chamado meiose, que dá lugar á formación de gametos e que se presenta nos individuos de reprodución sexual; neste caso as células fillas teñen a metade da dotación cromosómica da célula nai. A medida das células é moi diversa: dende menos de 0,1 μm de diámetro nalgunhas bacterias ata 100 μm de diámetro nalgúns protozoos. Incluso hai células que poden chegar a ter uns centímetros de diámetro, como os óvulos das aves. A existencia de neuronas con axóns dalgúns centímetros de lonxitude e dos tubos laticíferos de certas plantas da familia das euforbiáceas dalgúns metros de lonxitude, fai pensar que pode haber células máis grandes; aínda que ao crecer o diámetro e diminuír, xa que logo, a relación superficie/volume, se fan máis críticos os problemas relativos ao transporte de substancias a través da membrana celular. A forma é tamén moi variada e adoita estar relacionada coa súa función; deste xeito, as células dos músculos lisos, especializados na contracción e alongamento nunha soa dirección, son fusiformes e as nerviosas, condutoras de impulsos nerviosos, teñen prolongacións ramificadas. Malia a gran diversidade de forma e medida, polo que respecta á organización subcelular e molecular todas as células teñen unha estrutura e unha función semellantes, e en todas se producen os mesmos procesos metabólicos básicos, con reaccións bioquímicas similares. A respiración, a síntese de proteínas e a formación do ATP e doutros compostos enerxéticos non difiren dunha célula a outra, dende as bacterias ata as células dos mamíferos, incluído o ser humano. Coa axuda do microscopio electrónico e de estudios bioquímicos descubríronse moitos niveis de organización molecular dentro das células: moléculas libres, agrupacións de moléculas, agregados de macromoléculas e asociacións de agregados macromoleculares denominados orgánulos. Estes están especializados no exercicio de determinadas funcións específicas. Así, os cromosomas ou a cromatina (segundo a fase do ciclo celular en que se atope a célula) conservan e transmiten a información xenética; as mitocondrias sintetizan ATP e degradan e sintetizan nutrientes orgánicos; os cloroplastos transforman a enerxía luminosa en enerxía química; o ergastoplasma sintetiza proteínas; os lisosomas realizan a dixestión intracelular e son o centro dos fenómenos de autólise e de autofaxia; o centro celular controla a cinética da mitose e a formación de cinétidas e participa no movemento de cilios e flaxelos; e os ditiosomas do aparato de Golgi acumulan, condensan, transforman ou sintetizan substancias que lle chegan dende o retículo endoplasmático. A dirección das actividades bioquímicas de todas as funcións tróficas realízana os factores hereditarios ou xenes, que forman parte da estrutura dos cromosomas. Todas as células teñen movementos internos que en conxunto reciben o nome de ciclose. Cando as células están libres móvense no medio no que viven, ben para buscar alimentos ou ben pola acción de factores físicos (luz, temperatura); se as células non teñen membrana ríxida fálase de movementos ameboides e se teñen cilios ou flaxelos de tactismos. A célula dirixe e coordina todas as súas actividades, e conserva, así, a súa condición de unidade viva; o crecemento, a reprodución, o metabolismo, a rexeneración, a irritabilidade e a locomoción son manifestacións da actividade conxunta e coordinada de todos os orgánulos celulares.

    2. célula anexa

      Nas anxiospermas, célula que está en contacto cun tubo criboso co que se comunica por numerosos plasmodesmos e perforacións.

    3. célula autotrófica

      Célula que fornece as súas necesidades metabólicas mediante a incorporación, exclusivamente, de produtos inorgánicos do medio.

    4. célula auxiliar

      Célula próxima á ovocélula, nas rodofíceas, rica en substancias de reserva que se poden pór a disposición da ovocélula fecundada, ben por fusión de ambas as dúas, ben por penetración do núcleo diploide ata a célula auxiliar ou ben por unión mediante un filamento absorbente.

    5. célula B

      linfocito B.

    6. célula branca

      leucocito.

    7. célula cebada

      mastocito.

    8. célula citotóxica

      Tipo de célula non caracterizada hematoloxicamente que, proveniente da medula ósea, coloniza o bazo e o sangue, e ten capacidade para atacar e provocar a lise de linfomas in vitro. Son específicas de diferentes tipos de tumores e tamén se coñecen como células NK.

    9. célula de rexeneración

      Célula indiferenciada que, durante o proceso de rexeneración, dá lugar a outras diferenciadas.

    10. célula diana

      Célula sensible á acción dun determinado mensaxeiro bioquímico.

    11. célula diploide

      Célula que ten unha dotación cromosómica (2n); isto é, que ten dúas copias de cada tipo de cromosoma.

    12. célula flamíxera

      Célula en forma de ampola, provista de cilios, que forma parte dos protonefridios dalgúns invertebrados. Ten unha función excretora e filtradora.

    13. célula haploide

      Célula propia dos organismos de reprodución sexual que ten unha dotación cromosómica (n); isto é, posúe unha soa copia de cada tipo de cromosoma.

    14. célula hospedeira

      Célula empregada para o cultivo de virus.

    15. célula inicial/célula apical

      Célula que nas algas e nos fungos forma, por divisións repetidas, o seu talo, e que nas briófitas e pteridófitas constitúe por si mesma o ápice vexetativo.

    16. célula iodóxena

      Célula do talo das feofíceas que almacena iodo e que o pode liberar mediante certos estímulos.

    17. célula linfoide

      Cada unha das células do conxunto con morfoloxía de linfocito que comprende os linfocitos, os seus precursores e as células derivadas.

    18. célula mieloide

      granulocito.

    19. célula nai

      Célula que orixina, normalmente por división meiótica, outras células cun papel case sempre reprodutor, como son por exemplo, as células nais das esporas (briófitas, pteridófitas), dos grans de pole (fanerógamas), dos espermatozoides (nos anteridios), etc.

    20. célula navicular

      Célula alongada, ás veces arredondada, cun citoplasma claro e cun núcleo alongado. É característica do embarazo e aparece no epitelio vaxinal.

    21. célula neurosecretora

      Célula nerviosa que segrega hormonas.

    22. célula nutricia

      Célula rica en materiais de reserva que nalgunhas florídeas contribúe á nutrición do gonimoblasto e nalgunhas hepáticas proporciona substancias nutritivas ao esporogonio durante a súa maduración.

    23. célula oclusiva

      Cada unha das dúas células que flanquean o estoma, que conteñen xeralmente moitos cloroplastos e inclusións de midón e regulan, mediante variacións de turxencia, a abertura e o peche do estoma.

    24. célula ovo

      Célula reprodutora madura producida polo ovario durante a ooxénese. É esférica, nucleada e cuberta cunha membrana vitelina.

    25. célula pétrea

      Esclereida isodiamétrica de membrana fortemente lignificada presente nas estruturas corticais das dicotiledóneas, nas cascas dos froitos secos, etc.

    26. célula plasmática

      Célula do tecido conectivo orixinada por diferenciación antixénica dos linfocitos B e precursora dos linfoblastos. Ten citoplasma basófilo, retículo endoplasmático rugoso e núcleo, con frecuencia, excéntrico, e é responsable en certa medida da produción de anticorpos. Tamén se coñece como plasmocito.

    27. célula pluripotencial

      Célula indiferenciada que aínda pode expresar calquera parte do xenoma e converterse en calquera tipo de célula. Tamén se coñece como célula pluripotente ou célula tronco.

    28. célula presentadora de antíxeno

      Célula que une un antíxeno e que o presenta a tipos particulares de linfocitos T. Entre este tipo de células destacan os macrófagos, as células de Kupffer e as células de Langerhans, entre outras.

    29. célula somática

      Cada unha das células do organismo, agás as células xerminais.

    30. célula T

      linfocito T.

    31. célula vesiculosa

      esferociste.

    32. célula xerminal

      Cada un dos gametos ou das súas células formadoras.

  2. s f [POLÍT]

    Elemento de base de certas organizacións políticas, en particular dos partidos comunistas, cun número restrinxido de membros que traballa nunha mesma empresa, viven nun mesmo barrio, etc.

  3. célula CCD [INFORM]

    Dispositivo que nun escáner converte a luz recibida en corrente eléctrica. Esta luz chega a un convertedor analóxico dixital e de aí sae transformada en datos utilizables por unha aplicación de dixitalización. Unha célula que reciba moita luz producirá unha corrente intensa e viceversa. Baseándose nesas diferencias é posible compoñer as imaxes.

  4. célula de combustible [TECNOL]

    pila de combustible.

  5. célula electroquímica [TECNOL]

    Dispositivo no que se consegue unha reacción química grazas ao fornecemento de enerxía eléctrica (coñecido como célula electrolítica; a operación en conxunto denomínase electrólise), ou no que, inversamente, se produce enerxía eléctrica a partir da enerxía liberada por unha reacción química que ten lugar espontaneamente (chamada pila eléctrica ou célula voltaica). Consiste nun recipiente que contén un ou máis electrolitos unidos por pontes salinas condutoras ou por paredes porosas, con dous electrodos somerxidos no líquido e conectados entre eles a través dun circuíto exterior. Na célula ten lugar, en calquera caso, unha reacción global de oxidación-redución; no ánodo ten lugar a semirreacción de oxidación e no cátodo, a de redución. Cando se produce unha electrólise aplícaselles unha diferenza de potencial aos electrodos, coa polaridade positiva no ánodo e a negativa no cátodo. Cando funciona como pila, a reacción de oxidación dá electróns no ánodo, que adquire un potencial negativo respecto ao do cátodo, no que a reacción de redución consome electróns e faino positivo.

  6. célula electroquímica [TECNOL]

    Información xenética contida na secuencia de bases da cadea do ácido nucleico. Cada triplete ou codón, constituído por tres bases consecutivas, codifica un aminoácido, de xeito que se establece unha correspondencia entre a secuencia de bases do ADN e a proteína. Polo xeral, a síntese de proteínas non se efectúa en contacto directo co ADN, senón a través dun intermediario que é o ARN mensaxeiro. Cada triplete do ARN mensaxeiro emparéllase exclusivamente cun tipo concreto de ARN de transferencia que ten o triplete complementario (anticodón), polo que cada codón determina a adición dun aminoácido específico á cadea polipeptídica en crecemento. Como a molécula de ácido nucleico ten catro bases diferentes, teoricamente sería posible codificar 4 3 =64 aminoácidos; pero isto non é así porque só hai 20 aminoácidos, co que algúns veñen determinados por máis dun codón (codóns sinónimos). Por este motivo dise que o código xenético é dexenerado. Entre os 64 codóns posibles hai tres que indican a fin da tradución.

  7. código xenético [XEN]

    Dispositivo electrónico baseado no efecto fotoeléctrico destinado a converter unha radiación, xeralmente luminosa, nunha corrente eléctrica. Segundo a súa constitución e o seu modo de funcionamento, as células fotoeléctricas poden ser fotoemisivas, fotocondutoras ou fotovoltaicas. As células fotoemisivas son tubos electrónicos, de baleiro ou de gas, provistos dun cátodo fotoelectrónico, que acostuma ser semicilíndrico e estar formado por un metal alcalino; ao incidir nel a luz, emite electróns que son captados polo ánodo, disposto no eixe do semicilindro e en forma de fío ou de cilindro delgado. Un dispositivo baseado no mesmo tipo de emisión, moito máis perfeccionado, é o fotomultiplicador, caracterizado por unha sensibilidade superior. As células fotocondutoras baséanse no efecto fotoeléctrico interno ou fotocondución. Adoitan estar constituídas por un material illante recuberto dunha substancia activa á luz, xeralmente selenio ou sulfuro de cadmio; presentan unha resistencia eléctrica que depende da luz, polo que tamén se denominan células fotorresistentes ou fotocondutoras. As células fotovoltaicas aproveitan o efecto fotovoltaico para xerar unha forza electromotriz. Empréganse como detectores e cando a radiación é a solar reciben o nome de células solares.

  8. célula fotoeléctrica [TECNOL]

    Célula fotovoltaica destinada a producir enerxía eléctrica a partir da radiación solar. Inicialmente estaban constituídas por unha capa de selenio, recubertas por unha lámina de ouro e dispostas sobre un soporte de ferro niquelado. Posteriormente, desenvolvéronse outros tipos baseados nas propiedades da unión p-n dos semicondutores: inicialmente de silicio e máis tarde de arseniuro de galio ou sulfuro de cadmio. Empréganse en satélites e vehículos espaciais.

  9. célula solar [TECNOL]

    Célula electroquímica destinada a producir enerxía eléctrica. Denomínase tamén elemento primario ou pila.