Cen Anos, Guerra dos
Conxunto de conflitos interrompidos por numerosas treguas e por dous tratados de paz que enfrontou a Francia e Inglaterra entre 1337 e 1453. O litixio entre ambos os dous países viña desde a conquista de Inglaterra por Guillerme I, duque de Normandie, no 1066. Os reis ingleses convertéronse en vasalos dos reis de Francia polos territorios feudais que mantiñan no continente. Existían ademais outros puntos de fricción entre os dous reinos: a loita pola supremacía en Occidente, a axuda que Francia ofrecía a Escocia, a desconfianza de Inglaterra cara aos papas de Aviñón e a cuestión de Flandres, vasala feudal de Francia e principal importadora da la de Inglaterra. Ao morrer subitamente Carlos IV de Francia no 1328 e ao carecer de descendencia masculina, o consello de grandes señores franceses outorgoulle a coroa a Filipe de Valois, fillo de Carlos de Valois, irmán de Filipe IV de Francia e curmán dos tres derradeiros reis, e rexeitou as pretensións de Eduardo III de Inglaterra, fillo dunha irmá de Carlos IV. Eduardo III rendeu homenaxe ao novo rei polos seus feudos continentais de Aquitania e Ponthieu en 1329. A política expansionista do primeiro dos Capetos, coa intervención de Filipe VI en Flandres contra a rebelión das milicias urbanas no 1328 e a confiscación de Aquitania no 1337, inquietou a Inglaterra. O rei inglés Eduardo III buscou alianzas no continente recorrendo ás presións económicas para atraer a Flandres e cuestionou os seus dereitos á coroa francesa. A primeira fase da guerra demostrou a superioridade inglesa, na vitoria naval de Sluis en 1340 e nos asedios a Cambrai e Tournai. A vitoria na Batalla de Crécy no 1346, unida á conquista de Calais no 1347 e Potiers no 1356, onde fixeron prisioneiro o novo Rei Xoán II o Bo, provocaron en Francia unha profunda crise. Esta situación, unida á radicalización do movemento burgués dirixido por Étienne Marcel e á revolta campesiña da Jacquerie no 1358, obrigou o delfín Carlos a asinar en 1360 a Paz de Brétigny. Por este acordo, o monarca inglés Eduardo III renunciaba á coroa francesa a cambio do recoñecemento da súa soberanía sobre o SO de Francia. A situación francesa mellorou coa chegada ao trono de Carlos V no 1364, que derrotou definitivamente a Carlos II o Malo, rei de Navarra, co paso das Compañías Brancas por Castela e coa finalización da guerra de sucesión no ducado de Bretaña. Ao comezar a segunda fase da guerra, en 1368, as tropas francesas, dirixidas por Bertrand du Guesclin, emprenderon unha campaña de desgaste, para a que empregaron unha táctica de guerrillas e atacaron as subministracións dos ingleses. Reconquistaron os territorios cedidos no acordo, mentres a flota castelá derrotaba os ingleses na cidade de La Rochelle no 1372. A morte do Príncipe Negro no ano 1376 e do seu pai, Eduardo III, no 1377, situou no trono o neno Riccardo II. O falecemento de Carlos V no 1380, unido aos conflitos internos dos dous estados, provocaron un longo período de tregua entre 1377 e 1414. A guerra comezou novamente cando Enrique V de Inglaterra cuestionou as pretensións dos seus predecesores e desembarcou en Francia no 1414, coa compracencia dos borgoñóns. Os ingleses ocuparon Normandie e derrotaron os franceses na Batalla de Azincourt en 1415, mentres os borgoñóns entraban en París e se apoderaban do vello rei. A instancias de Filipe o Bo, duque de Borgoña, e co apoio da raíña francesa Isabel, asinouse o Tratado de Troyes en 1420, no que se desposuía o delfín Carlos do reino e Enrique V se recoñecía como herdeiro de Carlos VI, unha vez arranxado o seu matrimonio con Caterina, irmá do delfín. O tratado non foi aceptado polos armagnacs e polo clero, que representaban a incipiente consciencia nacionalista francesa. En 1422, coa morte de Enrique V e de Carlos VI, o fillo de Enrique e Caterina foi coroado como Enrique VI de Francia e Inglaterra. Entrementres, en Bourges, o delfín proclamábase rei de Francia como Carlos VII (1422-1461) e recibía o recoñecemento dos territorios situados ao S do Loire. Os ingleses, dirixidos polo rexente Xoán de Lancaster, duque de Bedford, defendían os termos do tratado e pretendían ocupar a totalidade de Francia. O exército inglés invadiu o S de Francia en 1428 co sitio da cidade de Orleans, clave do val do Loire. No ano 1429, as tropas francesas dirixidas por Xoana de Arco conseguiron levantar o sitio e derrotaron os ingleses na Batalla de Patay, que foron expulsados cara ao N, mentres Carlos era coroado en Reims. A sinatura do Tratado de Arrás, entre Carlos VII e Filipe o Bo no 1435, significou o paso dos borgoñóns, ata o momento fieis aos ingleses, á causa francesa. Ao ano seguinte, os franceses conquistaron París e entraron nunha etapa de tranquilidade que durou ata 1449, cando iniciaron unha ofensiva sobre Normandía e Guyenne. As vitorias francesas nestes territorios remataron coa entrada definitiva en Bordeos e co remate da conquista de Aquitania no 1453. A paz, sen embargo, non foi asinada ata 1475. Inglaterra conservou Calais e algúns territorios limítrofes ata 1558. A guerra dos Cen Anos, que estivo acompañada de guerras civís colaterais en Francia e Inglaterra, debilitou as clases nobiliarias e reforzou as estruturas estatais, ademais de supoñer, para ambas as dúas partes, unha toma de conciencia das súas peculiaridades nacionais.