Centro de Estudios Sociales Germinal

Centro de Estudios Sociales Germinal

Institución fundada en 1902 froito da confluencia entre os ideais dos medios libertarios coruñeses e os do republicanismo local, particularmente os de ideario federal. Entre os seus animadores cómpre salientar, ademais dos membros do grupo anarquista Ni Dios ni Amo, como Xosé Sanjurjo ou Marcial Lores, a futuros edís republicanos, como Eduardo Corral, ou federalistas, como Eduardo López Budén. Aínda que a Germinal sempre se identificou co ideario libertario, tamén formaron parte das súas directivas sindicalistas da CNT, como Xoán No, Benito Couceiro, Manuel Montes ou Xacinto Méndez, e progresistas, como Luís Huici, que presidiu o Centro no ano 1932. Dende 1906 intelectuais como Uxío Carré e Anxo del Castillo fixeron posible a colaboración do Centro coa Universidade Popular; así xurdiu a posibilidade da transmisión de coñecementos ás clases populares coruñesas. Germinal, caracterizada pola convivencia de persoas con diferentes idearios, defendía o respecto aos principios do laicismo, a xustiza, a tolerancia e a liberdade. Durante a República chegou a contar con máis de 700 socios, sobre todo artesáns, comerciantes e profesionais liberais. A súa biblioteca, que contaba con arredor de 8.000 libros, abranguía dende os clásicos da literatura ata os pensadores anarquistas; os partidarios do golpe militar do 18 de xullo de 1936 decidiron queimala nas proximidades do peirao coruñés.