Centro de Estudos Fotográficos
Entidade creada en 1984 por Manuel Sendón, Xosé Luís Suárez Canal e Vítor Vaqueiro. A súa actividade principal é a organización, cada dous anos, da Fotobienal de Vigo (mostra fotográfica realizada en Vigo). Arredor das exposicións organízanse conferencias, proxeccións e obradoiros, que contan coa participación dos fotógrafos invitados. O acondicionamento da sala principal para acoller as exhibicións, que se realiza na Casa das Artes e da Historia, encárgaselles anualmente a diferentes arquitectos e deseñadores galegos de vangarda. Ademais o CEF dispuxo dunha sala estable dedicada á fotografía, Sala dos Peiraos, que funcionou entre os anos 1985 e 1991, e na que se presentaban periodicamente mostras de fotógrafos de todo o mundo, como Brandt, ao tempo que se daban a coñecer novos creadores galegos. Tamén organizou outras mostras de carácter puntual en diversas cidades. O CEF edita, ademais dos catálogos correspondentes a cada unha das Fotobienais, outros libros, entre os que destaca a colección Álbum, dedicada case que integramente a fotógrafos galegos. Tamén publicou monografías como Positivado en Branco e Negro, de José V. Caruncho; Emigración, de Manuel Ferro; Dende o Atlántico; e, na colección Do Trinque, A imaxe e semellanza, de Fran Herbello; Cartas á fisgona, de Ruth Massó; Belgravia, de Karen Knorr; e Wojciech Prazmowsky. Outra das actividades do CEF consiste na elaboración da Colección Fotográfica do Concello de Vigo, integrada por obras dalgúns dos fotógrafos participantes nas Fotobienais e nas distintas publicacións editadas.