Centro Galego

Centro Galego

Asociación sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia composta por galegos ou descendentes de galegos residentes nunha cidade, rexión ou país, cunha finalidade social, cultural, deportiva, recreativa e, nalgunhas ocasións, asistencial e médico-sanitaria. Ten como obxectivo manter e potenciar os lazos culturais e sociais con Galicia, as súas xentes, a súa historia, a súa cultura e a súa lingua. A maioría das actividades dos centros galegos procuran a preservación da cultura galega por medio de ciclos de conferencias, cursos formativos, publicacións de revistas e, ás veces, de libros en galego; a creación dunha biblioteca galega na cidade onde se fundaba o centro; a organización de grupos de danza e música tradicional, de orfeóns e grupos corais e incluso de axudas para a creación de escolas en Galicia. A maioría das veces, a organización deste tipo de actos estaba supeditada non só ao interese da directiva de cada centro, senón tamén á súa capacidade económica. Durante a ditadura española algúns destes centros, sobre todo naqueles onde había unha gran comunidade de galegos exiliados, preservaron a cultura galega. Xeralmente, os centros que maior apoio deron a este tipo de iniciativas foron os situados ao outro lado do Atlántico, como o Centro Gallego de Buenos Aires, a Hermandad Gallega de Montevideo ou o Centro Gallego de París. En canto ao plano económico, os centros galegos espallados por todo o mundo dispoñen de subvencións da Xunta de Galicia, que, ademais, por medio da secretaría xeral coas comunidades exteriores, organiza cursos formativos de lingua galega, etnografía, bailes e música tradicional, e desenvolve programas que permiten realizar unha viaxe a Galicia a aqueles asociados con menos posibilidades económicas. Na Península Ibérica existen centros en Lisboa, Alacant, Barcelona, Ermua, Gijón, Madrid, Murcia, Ponferrada, Salamanca, Santander, Santa Cruz de Tenerife, València, Bizkaia e Zaragoza. No territorio peninsular, destacan o Centro Gallego de Barcelona e o de Madrid. O Centro Gallego de Barcelona fundouse no ano 1948, e nel desenvolvéronse numerosos ciclos de conferencias de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Manuel María, Xosé Neira Vilas ou Celso Emilio Ferreiro, sacaron ao prelo varias publicacións, e auspiciaron a edición da Biblia en galego na tradución feita por M. Casado Nieto. O Centro Gallego de Madrid, fundado no ano 1939, caracterizouse pola organización de exposicións, conferencias e veladas de música tradicional. En Europa destacan os centros de Berna, París, Londres, Zúric ou Xenebra; en América, os centros de Caracas, Mar del Plata, Maracaibo, México, Montevideo, Montreal, Puerto Rico, Toronto e, sobre todo, o Centro Gallego de Buenos Aires e o   Centro Gallego de La Habana.