Centro Galego de Arte Contemporánea
Institución cultural situada en Santiago de Compostela. Dedicada ao mundo das artes plásticas e visuais, combina a súa actividade como centro de exposicións e sede dunha colección permanente. O seu primeiro director foi Antón Pulido, ao que sucederon Gloria Moure e Miguel Fernández-Cid. Ademais, o centro está rexido por un padroado presidido por José Luis Méndez López. Inagurouse en setembro de 1993 cunha mostra de Maruja Mallo. O edificio, obra de Álvaro Siza (1988-1993), sitúase nun enclave histórico significativo, próximo ao mosteiro de San Domingos de Bonaval e na entrada do Camiño Francés. O seu deseño está marcado por unha estética austera de liñas horizontais, nas que a presenza das placas de granito que cobren o exterior axudan a integrar a construción no contexto da cidade histórica de Santiago de Compostela. Desde o vestíbulo principal accédese ás salas de exposicións, ao auditorio e á biblioteca. Organízase en catro alturas: o soto onde se sitúa a colección permanente, a planta baixa dedicada ás exposicións temporais e ao auditorio, a planta primeira onde, ademais de espacios para as mostras temporais, están situadas a biblioteca e a zona administrativa, e a planta segunda, cunha terraza concibida tamén como lugar para amosar esculturas. A colección permanente do CGAC, formada coa obra de artistas galegos e internacionais, configúrase a partir dos fondos da colección da Xunta de Galicia, os fondos da Fundación ARCO e as adquisicións do propio centro. Dedicáronse exposicións a diversos artistas galegos, como Alberto Datas, Leopoldo Novoa, Antón Patiño, Barbi, Baixeras e Luís Seoane; entre os españois, a Luis Buñuel, Miquel Navarro, Perejaume e Hernández-Diez, e, entre os estranxeiros, a Álvaro Siza, Giuseppe Terragni, Medardo Rosso, A. Schlosser, Humberto Rivas, Tom Carr e Georges Rousse. Ademais, organizáronse exposicións colectivas, como Fervor Dadá. Colección Ernst Scwitters (1998-1999), Colección Carmen Thyssen-Bornemisza (1999), Minimal-Maximal (1999) ou Artistas franceses e italianos na Colección Fundación ARCO e CGAC (2000-2001). O CGAC elabora propostas paralelas como as Xornadas de Música Contemporánea, ciclos de cine, ciclos de conferencias, etc. As actividades do centro complétanse coa existencia dunha serie de servicios, como a biblioteca, obradoiros, servizo pedagóxico, servizo de audiovisuais e publicacións, e o programa Web art. En 1997 constituíuse a Asociación Amigos do CGAC. Dende o ano 2000 publica A revista do CGAC.