Centro Gallego de Buenos Aires

Centro Gallego de Buenos Aires

Primeiro centro galego creado en América que se fundou o 27 de abril de 1879, presidido polo xornalista Manuel Vázquez Castro, os seus estatutos foron redactados por César Cisneros Luces, propietario do xornal El Gallego e presidente da directiva provincial. Tiña como obxectivo agrupar os galegos residentes en Bos Aires e mellorar as súas condicións de vida; entre os seus propósitos iniciais estaba a creación dunha caixa de aforros, bibliotecas e escolas, e a potenciación do desenvolvemento de actividades culturais. Desaparecido en 1892, volveu reabrirse o 2 de maio de 1907 coa presidencia de Antonio Varela Gómez. Converteuse no centro de referencia para outras institucións e asociacións nacidas en América, como A Terra (1917), a Irmandade Nazionalista Galega (1923), a Sociedade Nazionalista Galega Pondal (1925), a Institución Cultura Galega (1930) e a Organización Nacionalista Republicana Galega (ORGA). Despois da Guerra Civil converteuse nun lugar de refuxio dos políticos e intelectuais galeguistas no exilio. Entre os anos 1907 e 1911, comezaron as clases nocturnas de alfabetización dos emigrantes, editouse a revista mensual Región Galaica, celebráronse as primeiras romarías galegas, constituíuse a biblioteca social e iniciouse o servizo de asistencia médica aos socios do centro. No que se refire á cultura, promovéronse ciclos de conferencias sobre a cultura galega e apareceu unha nova publicación, o Boletín Oficial del Centro Gallego. En 1911, ao aprobarse un novo estatuto para o centro, converteuse nunha sociedade benéfico-mutualista que ofrecía servicios fúnebres e de repatriación, asesoramento xurídico e farmacia social. Tamén neses anos o Centro estableceu unha pensión mensual de 300 pesetas para Manuel Murguía e realizou importantes contribucións económicas que permitiron a creación na Coruña dunha escola gratuíta para nenos pobres e cegos, amais da construción de monumentos en Galicia dedicados a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Xosé Castro Chané e Concepción Arenal. En 1931 inaugurouse o Panteón Social, construído nuns terreos cedidos pola cidade de Bos Aires seis anos antes; nel está un mausoleo de estilo románico, unha capela con esculturas de Asorey e un claustro que é unha réplica do da Colexiata do Sar. Nesa mesma época emprendeuse a construción do novo edificio social e ampliáronse os servicios médicos do centro. Nos anos corenta o labor asistencial do centro estaba plenamente consolidado e, como consecuencia da chegada a Arxentina dun notable grupo de galeguistas exiliados, o Centro comezou a dar a coñecer os valores culturais de Galicia. Desde 1940 ata 1968 fixéronse numerosas contribucións a prol da cultura galega, de aí que en 1947 se instaurasen as xornadas galegas ás que cada ano asistía un personaxe da cultura galega; por elas pasaron Otero Pedrayo, D. García Sabell, F. Fernández del Riego, S. Martínez Risco, presidente da Real Academia Gallega, Suárez Picallo, Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro. Editouse a revista bimensual Galicia, na que colaboraba desde Galicia, co pseudónimo de Salvador de Lorenzana, F. Fernández de Riego, e na que se publicaban artigos de Otero Pedrayo, Castelao ou Ramón Piñeiro. Tamén se creou a editora Galicia, que publicou obras como As cidades galegas e O libro dos amigos, de Otero Pedrayo; Alba de Groria, de Castelao; Danzas populares galegas e Galicia no espello, de F. Fernández del Riego; A artesanía galega, de X. Filgueira Valverde; ou Romarías Galegas, de Xosé María Álvarez Blázquez. Toda esta actividade literaria difundiuse por medio da doazón dun importante número de libros a universidades e escolas americanas e peninsulares, á Real Academia Gallega, á Academia de Belas Artes Nosa Señora del Rosario ou á Fundación Fermín Penzol de Vigo. Xunto á actividade literaria, existía unha importante actividade artística que se plasmaba en exposicións, como a celebrada en 1955, na que se expuñan pinturas e porcelanas de Isaac Díaz Pardo ou a colección permanente do Centro, que posúe obras de Castelao, Asorey, Laxeiro, Colmeiro, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Maside. A partir de 1968, a dirección do Centro Gallego iniciou unha política oficialista con respecto a España que provocou a ruptura con F. Fernández del Riego e o abandono da institución de moitos socios. A partir deste momento centrouse nas súas actividades asistenciais, que o levaron a converterse, nas décadas dos setenta e oitenta, na maior entidade mutualista arxentina. Non obstante , continuaron as exposicións, os concertos de música galega, as edicións de libros galegos, os ciclos de conferencias, convocatorias de premios literarios, e incluso a fundación, a instancias do Centro, en 1970, do Instituto Argentino de Cultura Gallega. A chegada da democracia a España e a aprobación do Estatuto de Autonomía para Galicia promoveron un novo achegamento do Centro Gallego á cultura galega e propiciaron a creación do grupo Nós, que tiña como obxectivo a defensa da identidade galega, a contribución á difusión do coñecemento da realidade actual galega e a concienciación da cidadanía galega. Este Centro continúa co seu labor asistencial a través do hospital e do asilo da súa propiedade, a presidencia da Federación Mundial de Sociedades Galegas e é ademais a única institución correspondente da Real Academia Galega.