Cercocebus

Cercocebus
[ANIMAL]

Xénero de primates da familia dos cercopitécidos, de ata 62 cm de lonxitude, cun peso que pode acadar nos machos os 10 kg. Ten a cola máis longa ca o corpo, incisivos fortes e grandes que lles permiten alimentarse de sementes de cuberta dura, e meixelas dilatables nas que poden acumular alimento. Viven en grupos de ata 30 animais sobre as árbores ou no chan da selva. Son barulleiros e comunícanse cun amplo abano de voces e berros agudos que emiten coa axuda duns pregos cutáneos, a xeito de fol, e que lles serven para manter o territorio e a cohesión do grupo no que se desenvolven, evitando os enfrontamentos con outras familias. Existen catro especies do xénero Cercocebus: C. albigena, arbóreo, de pelaxe negra con ombreiros acastañados e meixelas cinsentas, cunha crista de pelos na cabeza, e que se distribúe polo SO de Camerún ata o L de Uganda; C. aterrimus, caracterizada pola pelaxe totalmente negra, e que habita nas árbores da selva tropical do Congo; C. galeritus, terrestre e de pelaxe parda que está presente nas selvas tropicais de Camerún, Gabón, Kenya e Tanzania; e C. torquatus, de pelaxe cinsenta e que vive no chan das selvas primarias de Senegal e Gabón. Tamén se denominan mangabeis.