cereixa

cereixa

(< lat v cerĕsĭa< lat cerăsĭum ‘cerdeira’)

  1. s f [BOT]

    Froito da cerdeira, de forma arredondada, duns dous centímetros de diámetro e de pel lisa vermella escura, aínda que pode variar de amarela a negra nas distintas variedades de cultivo. Está unido á árbore por un pedúnculo delgado e longo, e ten sabor doce ou agridoce. A cereixa branca é unha variedade de gran tamaño e de cor case branca; a cereixa brava é pequena e de sabor acedo; a cereixa pataqueira é grande e de pouco sabor; e a picota é de cor vermella escura e sabor moi doce, que se adoita comercializar sen pedúnculo. É un froito rico en potasio e vitaminas A e C, e ten efectos laxantes. Emprégase para obter extractos e destilados que se usan como saborizantes. Consómese fresca ou en marmelada e utilízase frecuentemente en preparacións pasteleiras e confiteiras e na elaboración de licores (Chesky, Kirsch, Marrasquino, Rocher e outros). En Galicia celébranse varias festas gastronómicas da cereixa, a máis importante é a de Beade (Vigo). Na tradición oral recóllense ditos como: “As cereixas e as malas falas, cóllense poucas e veñen a presadas. Cereixas e mentiras unhas das outras tiran. Da cereixa ao cimón, vén che vai pión; do cimón á cereixa xa me darás a queixa. Dende as cereixas aos nabos, ben estamos; dos nabos ás cereixas todas son queixas. Se polo san Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove”.

    1. s f

      Froito semellante a unha cereixa.

    2. cereixa de raposo [BOT]

      Froito da hedra.

    3. cereixa do can [BOT]

      Froito do espiño.

    4. cereixa dos paxaros [BOT]

      Froito do acivro.

  2. adx e s f

    Que ten cor vermella escura, semellante á que adquiren algunhas clases de cereixas cando están maduras.

    Ex: Comprou un xersei vermello cereixa.

Refráns

  • As cerdeiras e os ladróns, anque prendan non son bos.
  • Cereixas e malas fadas, cóllense pouquiñas e veñen moitas engarradas.
  • Dende maio a xullo as cereixas son coma puños.
  • En maio xa leva as cereixas o gaio.
  • Se polo san Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove.
  • Se por san Xurxo chove, de cen cereixas quedan nove.
  • Unha cereixa trae consigo unha ducia ben feita.

Palabras veciñas

Cereijo | Cereijo Muíños, Manuel | cereiro -ra | cereixa | Cereixa | Cereixa | Cereixal, O