Cervantes

Cervantes
  1. [ONOM]

    Apelido que procede do topónimo homónimo. Pola terminación -antes o nome de lugar parece ser de orixe étnica.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe procedente do lugar homónimo e que emprega tamén a forma Cervatos. Descende do cabaleiro galego Nuño Alonso, alcaide de Toledo a comezos do s XII. Estendeuse pola Península durante a Reconquista e unha das ramas pasou a México, onde se enlazou con ilustres familias. As súas armas levan, en campo de sinople, dúas cervas de ouro, postas en pao, a de arriba coa cabeza levantada e a outra coa cabeza baixa, en actitude de pacer. Algúns traen, en campo de azul, dúas cervas de ouro, postas en pao; bordo de goles, con oito aspas de ouro (ou sinople). Algunha variante emprega, en campo de goles, un cervo de prata. Outros ostentan, en campo de ouro, unha aciñeira de sinople, cunha cruz sumada á súa copa. Os de México e Nafarroa levan, en campo de sinople, dúas cervas de ouro, postas en pao, a de arriba coa cabeza levantada e a outra coa cabeza baixa, en actitude de pacer.