Cervás, San Pedro de
Igrexa parroquial situada en Ares. Construíuse nun coto propiedade da igrexa de Santiago de Compostela. Ten planta rectangular de nave única e unha ábsida románica (1180?) semicircular precedida dun tramo recto con cuberta de bóveda de cuarto de esfera e de canón semicircular, respectivamente. A nave reconstruíuse en 1784, data na que se engadiu unha espadana á fachada principal. O arco triunfal é de medio punto e dobrado, a rosca menor descansa sobre un par de columnas pegadas que se apoian sobre bases áticas e sosteñen capiteis cubertos de follas nervadas de perfís recortados e rematadas en bólas. No exterior a ábsida elévase sobre unha base escalonada e o muro semicircular divídese en tres panos por medio de dous contrafortes prismáticos que chegan ata o beiril. En cada un deles ábrese unha estreita ventá abucinada ao interior. O beiril está sostido por canzorros, algún deles con decoración figurada como os que presentan unha cabeza de porco coa boca aberta ou uns cuadrúpedes tumbados que volven as cabezas cara ao espectador.