César, Caio Xulio
Político, escritor e militar. Desterrado por Sila en Asia o 81 a C, estudiou en Rodas e volveu a Roma no ano 73 a C, cando foi nomeado pontífice. Loitou con Pompeio polos dereitos dos tribunos da plebe e, desde o cargo de cuestor (70 a C), comezou as manobras para adquirir o poder. Á morte da súa primeira esposa Cornelia (68 a C) casou con Pompeia, neta de Sila. Nomeado pretor da Hispania Ulterior (62 a C) emprendeu unha expedición contra os lusitanos no 61-60 a C á procura de vitorias e chegou a Galicia, onde conquistou Brigantium e acadou un importante botín. Interveu na conxuración de Catilina e, cando regresou da Hispania (60 a C), formou con Pompeio e Craso o Primeiro Triunvirato. Desde o consulado (59 a C) aprobou leis favorables á plebe e ás provincias, e conseguiu o proconsulado das Galias e da Iliria por un período de cinco anos. A conquista das Galias comezou no 58 a C, e a súa fama en Roma aumentou polas riquezas das súas conquistas e coa publicación dos informes das súas campañas (Commentarii). Protexido por Pompeio e Craso, no ano 55 a C renovóuselle o mandato por outros cinco anos. Á morte de Craso, Pompeio foi nomeado ditador (51 a C). César, que rematou a conquista da Galia no mesmo ano cun gran prestixio, negouse a seguir a orde de Pompeio de volver a Roma antes de rematar o seu mandato e foi destituído. Iniciou a Guerra Civil contra Pompeio o día 11 de xaneiro do 49 a C, entrando coas súas tropas en Roma e facéndose co poder. Pompeio fuxiu, foi derrotado por César en Farsalia (48 a C) e perseguido ata Exipto, onde morreu na cidade de Pelus. Colocou no trono de Exipto a Cleopatra VII e venceu os pompeianos en África e en Hispania en Munda (45 a C). Nomeado ditador (49-48 a C) e cónsul desde o 47 a C, ao final da guerra César foi nomeado ditador a perpetuidade polo Senado (44 a C). Adoptou unha serie de medidas de goberno co apoio popular, como o saneamento das finanzas e a reforma do sistema monetario. Modificou tamén o proceso electoral das maxistraturas, promoveu a reforma do calendario asesorado polo astrónomo Sosíxenes e estableceu que o ano duraba 365 días e 6 horas. Fiscalizou a xestión dos gobernadores, aprobou novas leis agrarias e fundou novas colonias fóra de Italia. Co obxecto de diminuír o poder da oligarquía ampliou o Senado ata os 900 membros, incorporou representantes dos sectores das novas provincias do Imperio e outorgoulles a cidadanía romana. Foi asasinado polos republicanos, dirixidos por Casio e Bruto, cando intentaba facerse cinguir a coroa de rex o 15 de marzo do 44 a C. Destacou tamén como escritor coa crónica das súas campañas nas Galias na obra De Bello Gallico (A Guerra das Galias) e narrou, con pretensións de imparcialidade, o enfrontamento con Pompeio na Guerra Civil en De Bello Civili (A Guerra Civil).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Roma -
Deceso