cesta

cesta

(< lat cista)

  1. s f

    Recipiente, xeralmente meirande ca o cesto, feito de vimbios, vergas ou varas entretecidas, de distintas formas e tamaños que pode ser con asas ou cun aro polo medio e que se utiliza para transportar ou conter distintas cousas. OBS: O que nunhas zonas ou lugares de Galicia se designa coa forma masculina cesto, noutras desígnase coa forma feminina cesta e viceversa. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cesta patela, arromba máis que leva. O millo rascado enche a cesta e o ferrado”.

    Ex: Comprou unhas cestas na rúa dos Cesteiros de Vigo.

  2. s f

    Contido dunha cesta.

    Ex: Díxome que quería cesta e media de millo.

    Sinónimos: cestada.
  3. [DEP]
    1. s f

      Especie de pa cóncava e curvada que se emprega no xogo de pelota vasca para lle dar impulso á pelota. Está formada por unha estrutura de listóns de madeira de castiñeiro entretecida con vimbios, en forma de canle, moi convexa na parte inferior. No extremo oposto leva unha luva de coiro que se suxeita no pulso con correas.

      Ex: Colle con xeito a cesta para lle dar máis pulo á bóla.

      Sinónimos: chistera.
    2. cesta punta

      Modalidade deportiva do xogo de pelota.

  4. s f [ARTE]

    Elemento do capitel, principalmente do corintio, comprendido entre o astrágalo e o ábaco.

  5. s f

    Termo da xerga das palilleiras que corresponde á voz que designa o utensilio, feito de vimbio ou de xunco, empregado para gardar os palillos.

  6. cesta da compra [ECON]

    Conxunto de produtos de primeira necesidade dos que se toma o prezo como referencia para realizar o estudo das variacións no nivel de vida por sectores de poboación.

  7. cesta de Venus [ANIMAL]

    Denominación popular que reciben as esponxas vítreas da clase dos hexactinélidos. De simetría radiada e espículas silíceas unidas entre si, forman unha estrutura reticular e presentan unha aparencia de tecido que lembra a dun cesto.

Frases feitas

  • Cesta rota. Persoa que non é quen de gardar un mínimo segredo.

  • Cu de cesta. Persoa de cu grande e de grosas nádegas.

  • Estar coma un rei nunha cesta. Vivir rodeado de moitas comodidades.