cesteiro -ra
(< cesta)
Persoa que fabrica ou vende cestos. Constituíron un oficio practicamente libre e a súa agremiación foi tardía e sen éxito. Para entenderse entre eles, perante a presenza de estraños, crearon unha linguaxe propia, igual que facían algúns membros doutros oficios ambulantes como os canteiros e afiadores. Moitos percorreron a xeografía galega, mesmo por fóra das fronteiras de Galicia. A materia prima que empregan (madeira de carballo, vimbio e, en menor medida, castiñeiro, salgueiro ou cerdeira) pode ser da súa propiedade, dun monte comunal ou ben mercada. Distínguese o cesteiro rural, que adoita traballar na casa ou ben en aldeas próximas e completa o labor coas tarefas do campo por non estar moitas veces agrupado e dedicado só ao cesto; o cesteiro urbano, que moitas veces se organiza por barrios e traballa en rúas escollidas, como en Vigo e Pontevedra, que emprega normalmente o vimbio pelado, tinguido ou sen tinguir, como mateira prima; ademais traballa na fabricación e venda de costureiros, cestos de mercado e mesmo paneiras nun pequeno taller estable; por último, o cesteiro de peirao que percorre as lonxas e os peiraos próximos coas súas ferramentas para arranxar e facer cestos e nasas. Algúns, máis profesionais, chegaron a ter talleres relacionados coa pesca da sardiña. O material imprescindible que empregan para realizar o seu traballo componse de burro, da coitela ou coitelo e dos ferros. O burro é unha peza prismática de madeira e de grosor variable que mide aproximadamente un metro e medio e serve para prender as lamias fendidas de madeira e así poder traballalas; o coitelo está formado por unha lamia de aceiro afiada, con dous mangos dobrados cara ao lado en que está o corte, que fende a madeira para poder traballala no burro.