Chaco, Guerra do
Conflito armado entre Bolivia e Paraguay pola posesión do territorio do Chaco Boreal, unha zona na que os límites non estaban ben definidos. O interese principal de ambos os dous países era a explotación petrolífera. Os incidentes comezaron en 1928 e aumentaron a súa intensidade en 1932 coa ofensiva dun destacamento boliviano baixo as ordes do xeneral alemán Kundt, feito que provocou a contraofensiva do xeneral Estigarribia por Paraguay e a recuperación de Boquerón. En xuño de 1935 asinouse unha tregua ditada por unha comisión de oito países: EE UU, Colombia, Cuba, México, Uruguay, Arxentina, Brasil e Chile. O tratado de paz definitivo asinouse o 21 de xullo de 1938 en Bos Aires, polo que a rexión do Chaco Boreal quedaba repartida entre os dous países e unha zona intermedia arbitraríase con posterioridade.