Chagall, Marc

Chagall, Marc

Pintor. De familia xudía, formouse en Vitebsk no estudo de Jehuda Pluma. En 1907 trasladouse a San Petersburgo para asistir á Escola Imperial, onde estudiou baixo a dirección de Leon Bakst. No 1910 viaxou a París e coñeceu entre outros a Apollinaire, Max Jacob, Léger e Modigliani. En 1911 participou no Salon d’Automne e no Salon des Indépendants. Tres anos despois expuxo na galería Der Sturm de Berlín e regresou a Vitebsk, onde fundou unha academia de arte en 1917. Coa revolución foi nomeado comisario de Belas Artes en Vitebsk en 1918, pero a súa obra, de carácter fantástico, chocou coas premisas oficiais que procuraban unha arte realista que comunicase unha mensaxe social. En 1920 trasladouse a Moscova e realizou os decorados do Teatro Xudeu, pero axiña viaxou a Berlín en 1922 e a París en 1923, onde se estableceu e ilustrou obras para Vollard, como as Fábulas de Apollinaire. En 1926 expuxo por primeira vez en Nova York e, ao estalar a Segunda Guerra Mundial, estableceuse nos EE UU entre 1941 e 1946. En 1945 realizou a decoración e os figurinos de O paxaro de lume, de Igor Stravinsky, e en 1946 tivo lugar unha mostra retrospectiva da súa obra no Museum of Modern Art (MOMA) de Nova York. En 1947 regresou a París e en 1950 instalouse definitivamente en Sainte-Paul-de-Vence, onde comezou a deseñar obras cerámicas. Realizou tamén vidreiras, entre as que destacan as da catedral de Metz (1958-1960), as da sede da ONU en Nova York (1964) e as da sinagoga do centro médico de Xerusalén (1965-1966). O seu mundo pictórico móvese entre flores, figuras, a miúdo irreais, símbolos e personaxes xudíos e rusos, situados en espacios dislocados e tratados cun variado colorido e cun certo infantilismo. As súas fontes foron os seus recordos de infancia e a Biblia. Entre as súas obras cómpre salientar: A miña moza con luvas brancas (1909), O Sábado (1910), Eu e a miña aldea (1911), Dobre retrato con vaso de viño (1917), Os noivos da Torre Eiffel (1928), O circo (1931), O violinista (1939) e Crucifixión amarela (1943). En 1966 rematou A mensaxe bíblica, unha serie de dezasete pinturas que foron a base do Musée National du Message Biblique Marc Chagall, inaugurado en Nice en 1973. En 1977 o Musée du Louvre organizou unha exposición retrospectiva da súa obra. Recibiu o primeiro premio de gravado da Venice Biennale en 1948 e o premio Erasmo en 1960. Publicou as súas memorias tituladas Ma vie (A miña vida, 1931).

Cronología

  • Deceso

    Lugar : Sainte

  • Nacemento

    Lugar : Vitebsk, Bielorussia

  • Deceso

    Lugar : Vence, Provenza