Challenger

Challenger

Corveta británica de 2.306 toneladas que realizou a primeira grande expedición científica arredor do mundo para a exploración física e biolóxica dos océanos, a “Challanger Deep Sea Exploring Expedition”. Dirixida por sir Charles Wyville Thomson entre o 7 de decembro de 1872 e o 26 de maio de 1876, acadou os 127.600 km (68.890 millas náuticas). Os científicos aceptaban a teoría azoica de E. Forbes, que afirmaba a ausencia de vida no mar a partir dos 500 m de profundidade. Non obstante , en 1859 descubriuse que un cable telegráfico procedente dos fondos do Mediterráneo (2.160 m) levaba animais fixados nel. Iso motivou a exploración dos fondos abisais, co impulso de Wyville Thomson (1830-1882). A Royal Society recomendou ao Goberno británico a organización dunha expedición oceanográfica para estudar polo miúdo a masa oceánica como unidade, co obxectivo de superar os estudios tradicionais sobre a superficie dos mares e atender o crecente interese pola vida nos fondos mariños. A corveta percorreu o Atlántico e o Pacífico e nela viaxaban W. Thomson, J. Murray, H. N. Moseley e Willemoes-Suhn. Realizou centos de medicións, con sondaxes superiores aos 8.000 m, e atopou formas de vida por baixo dos 5.000 m. A expedición supuxo a recollida de numerosos datos e unha importante colección de seres vivos. As memorias, unhas 30.000 páxinas recollidas en 50 volumes, publicáronse nas dúas últimas décadas do s XIX e constitúen unha das bases da oceanografía.