Chamorro

Chamorro
[ONOM]

Nome e apelido de procedencia toponímica. No léxico común existe a voz chamorro co significado de ‘que está pelado ou rapado’ e ‘penedo redondo ou terreo con penedos’; por este motivo, é probable que a orixe do nome común e a do topónimo sexa a base preindoeuropea *mor ‘pedra’. O nome de lugar Chamorro faría referencia á natureza rochosa destes lugares, e podería derivar de flamma ‘chama’ e o sufixo prerromano -orro, que daría ‘monte queimado, sen vexetación’. Existe tamén unha etimoloxía popular para o topónimo de Ferrol: estando un náufrago en perigo de morte, invocou a Virxe coa frase “xa morro” que daría lugar ao actual nome. Como prenome feminino, introduciuse a raíz da devoción á Virxe de Chamorro, patroa dos mariñeiros. Ata mediados do s XIX denominábase Nosa Señora do Nordés, en alusión a este vento perigoso para os mariñeiros; posteriormente, adoptou a denominación de Virxe de Chamorro polo monte onde se sitúa. A ermida construíuse sobre unha antiga rocha de abalar na que, segundo conta a lenda, se lles apareceu a Virxe a dous pastores da comarca un día de vendaval para lles anunciar a aparición da súa imaxe en pedra, feito que aconteceu aos tres días. A súa festividade celébrase o luns de Pascua. Na tradición oral recóllense ditos referidos a esta virxe: “A Virxe de Chamorro concede amparo ao devoto que sobe ao santuario (ou que veste o escapulario). A Virxe de Chamorro, ao que sobe onda ela, lle fai socorro”. Como apelido documéntase no s XV: “Afonso Fernandes Chamorro” (doc ano 1403 en J. I. Fenández de Viana y Vieites, Colección diplomática del monasterio de Santa María de Ferreira de Pantón, 1994, p 112).