Chamorro, Nosa Señora de
Chamorro, Nosa Señora de
Santuario mariano situado en Serantes (Ferrol) dedicado á Virxe de Chamorro. Construíuse sobre unha antiga rocha de abalar na que, segundo a tradición, se lle apareceu a Virxe a dous pastores. O edificio presenta unha planta de nave rectangular, con cuberta de madeira a dúas vertentes, e unha ábsida cadrada cuberta con bóveda de crucería do s XVI. Engadíuselle un pequeno vestíbulo (1687-1692). No interior consérvase un retablo barroco que alberga a imaxe da Virxe sedente co neno posterior ao s XII. Pegados á igrexa, está o camarín da Virxe, a sancristía e a antiga casa do ermitán.