Chamoso Lamas, Manuel
Historiador da arte e arqueólogo. Licenciado en Dereito e doutor en Filosofía e Letras (1933) pola Universidad Central de Madrid. Exerceu a docencia no Instituto Nebrija de Madrid. Durante a Guerra Civil traballou desde 1938 no Servicio de Recuperación Artística e, en 1939, foi nomeado inspector dos Depósitos de Arte. En 1940 accedeu ao cargo de comisario da 3ª Zona do Servicio de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional (Euskadi, Navarra, Aragón e Catalunya) e, en 1945, desempeñou o mesmo cargo na 1ª Zona (Galicia, Asturias, León e Zamora), durante máis de trinta anos. A instancias súas redactáronse en 1964 as Instruciones del Patrimonio Artístico Número Cuatro, que protexeron o núcleo antigo de Santiago de Compostela da especulación inmobiliaria. En 1967 foi nomeado director do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela e, en 1977, subdirector xeral de Belas Artes. Como funcionario do corpo facultativo de conservadores de museos, reorganizou e instalou gran número destas institucións, entre elas o museo da catedral de Ourense. Na súa faceta de arqueólogo dirixiu as escavacións da praza do Pilar de Zaragoza, do Castro de Viladonga (Lugo), de Iria Flavia (Padrón) e as realizadas, entre 1946 e 1959, no subsolo da catedral de Santiago de Compostela. Foi comisario de varias exposicións nacionais e internacionais, entre as que destacan a patrocinada polo Consello de Europa dedicada ao románico (1961) e a primeira Exposición de Anticuarios celebrada en Madrid en 1966. Foi un dos primeiros historiadores en reivindicar a importancia da arte barroca galega dende os artigos que publicou na revista Archivo Español de Arte, entre os que sobresaen “La fachada del Obradoiro de la catedral de Santiago de Compostela” (1936), “La capilla del Pilar en la catedral de Santiago” (1941), “El claustro de la catedral de Lugo” (1941), “Estudio del Barroco gallego. La iglesia de las Capuchinas de La Coruña, obra de Fernando de Casas” (1942) ou “El monasterio de Montederramo” (1947); e a publicación da obra La arquitectura barroca en Galicia (1955). Escribiu, entre outras obras: Juan Bautista Celma, un artista del s XVI (1957), Escultura funeraria en Galicia (1979), na que ampliou un estudo anterior publicado en 1964 restrinxido ao ámbito compostelán e Itinerario monumental y artístico de Galicia (1982). Ademais publicou diversas guías divulgativas entre as que destacan La catedral de Santiago de Compostela (1976), Tuy (1981) e La catedral de Lugo (1983). Colaborou tamén en Cuadernos de Estudios Gallegos, Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Orense, Revista de Ideas Estéticas e Compostellanum. Foi membro do Patronato Nacional de Museos, do International Council of Museums, da Real Academia Galega, do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia de Historia de Madrid, das Reales Academias de Bellas Artes de San Fernando, San Luis de Zaragoza, Sant Jordi de Barcelona e Sant Carles de València, da Societé Nationale des Antiquaires de France e do Instituto Arqueológico Alemán, ademais de presidente da Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario e asesor nacional de Museos.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : La Habana -
Deceso
Lugar : A Coruña