Champollion, Jean-François

Champollion, Jean-François

Exiptólogo francés. Coñecido como Champollion le Jeune, fundou a exiptoloxía científica. Estudiou as linguas árabe, copta, etíope, hebrea, siria e caldea. En 1797 escribiu unha memoria na que defendeu que a lingua copta era unha forma tardía da antiga lingua exipcia. Sobre esta teoría, e logo de traballar sobre os xeroglíficos, publicou o Précis du système hiéroglyphique des anciens égyptiens, figuratif, idéographique et alphabétique (Compendio do sistema xeroglífico dos antigos exipcios, figurativo, ideográfico e alfabético, 1824), clave para o desciframento da escritura exipcia antiga conseguida, sobre todo, grazas á pedra de Rosetta. Foi nomeado director do museo exipcio do Louvre en 1826 e profesor da cátedra de Exiptoloxía creada expresamente para el no Collège de France en 1831. Entre 1828 e 1830 permaneceu en Exipto. Escribiu De l’écriture hiératique des anciens Egyptiens (Sobre a escritura hierática dos antigos exipcios, 1821) e Panthéon égyptien (Panteón exipcio, 1823). Postumamente, publicáronse Monuments de Égypte et de la Nubie (Monumentos de Exipto e de Nubia, 1835-1845) Grammaire égyptien (Gramática exipcia, 1836-1841) e Dictionaire égyten en écriture hiériglyphoque (Dicionario exipcio en escritura xeroglífica, 1841-1843).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Figeac

  • Deceso

    Lugar : París