Chantilly

Chantilly

Cidade do departamento de Val-d’Oise, na Île-de-France, Francia, situada preto do bosque de Chantilly (11.341 h [estim 1988]). É un centro industrial (fabricación de película fotográfica) e turístico. Teñen tradición as carreiras de cabalos do seu hipódromo. Cara ao 1530, os Montmorency converteron o seu castelo medieval nun dos máis notables castelos franceses, e no 1632 pasou aos Condé. Consta de dúas partes: o Grand-Château, reconstruído no s XIX, e o Petit-Château ou châtelet, obra de Jean Bullant (1560). No seu interior acolle o Musée Condé. A manufactura da porcelana de Chantilly, creada en 1735, perdurou ata 1870, e produciu pezas de formas europeas con decoración de inspiración xaponesa. No s XVIII tivo moita importancia a confección de encaixes de Chantilly con motivos ornamentais en forma de flores, paxaros, bolboretas ou outras.