Chao Pino, Ernesto

Chao Pino, Ernesto

Actor. Comezou no teatro na compañía Abrente, inserida na asociación homónima, promotora das Mostras de Teatro en Galego Abrente de Ribadavia, e da que foi presidente. Entre 1969 e 1974 interpretou con este grupo obras de Alejandro Casona e Jorge Díaz. A partir de 1978 e ata 1985 pasou a formar parte de Teatro Artello, onde participou nas montaxes: Tarará chis-pum, a partir dunha creación colectiva; Pic-nic, de Fernando Arrabal; As nubes, de Aristófanes; A cantante calva, de Ionesco; Celtas sen filtro, de Méndez Ferrín; e Gulliver F.M., de Antón Reixa. Tamén traballou no Centro Dramático Galego, institución da que foi director en 1986 e 1987, e representou Agasallo de sombras, de Vidal Bolaño; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; As tres irmás, de Čekhov; As alegres casadas, de Shakespeare; O incerto señor Don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro; Un soño de verán, de Shakespeare; e Valle-Inclán 98. No ano 1988 fundou a Compañía de Ernesto Chao coa que realizou unha soa obra: O coronel ten a quen lle escribir, de M. Riveiro Loureiro. Con Teatro do Malbarate e Producións do Noroeste representou no ano 1989 Galicia S.L., a partir de textos de diversos autores. Entre 1990 e 1998 participou en Teatro do Noroeste, co que realizou as obras: Rei Lear, de Shakespeare; Os Xustos, de Albert Camus; A noite grande de Fiz e Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado; Galileo Galilei, de Bertolt Brecht, polo que recibiu o Premio Compostela de Teatro á mellor interpretación masculina protagonista de 1993; As vodas de Fígaro, de Beaumarchais; e Macbeth e Noite de Reis, de Shakespeare. No ano 1997 traballou na montaxe de Encuadre Producións Ministros pola cara, de Ernesto Caballero. Como actor de cine cómpre destacar Divinas palabras, A metade da vida, La ley de la frontera ou A noiva de medianoite. Na televisión participou en diversos programas e series, entre as que destacan Os outros feirantes e o papel protagonista de Pratos combinados.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ribadavia