Chao Rodríguez, Xosé María

Chao Rodríguez, Xosé María

Farmacéutico. Estudiou no colexio de Farmacia de Santiago de Compostela e participou no Batallón Literario. Foi practicante de farmacia militar ata o ano 1814. Terminada a guerra, rematou os seus estudios de farmacia e estableceuse en Rivadavia, onde iniciou unha intensa actividade política antiabsolutista. En 1826 abriu unha botica en Vigo e proseguiu coas súas actividades políticas, polas que foi perseguido. En 1835, o gobernador de Pontevedra deulle unha comisión para realizar as fumigacións dos buques sospeitosos de ser focos de contaxio de enfermidades infecciosas. Posteriormente, a Xunta Gobernativa de Santiago de Compostela nomeouno boticario do Gran Hospital compostelán, e a Xunta Central de Galicia designouno catedrático de Farmacia Experimental do colexio de Farmacia que se pretendía reabrir na Universidade. En 1850, o ministerio nomeouno profesor de química e historia natural da Escola do Porto de Vigo. Tivo unha destacada actuación na epidemia de cólera que padeceu a provincia de Pontevedra arredor de 1850, polo que recibiu o recoñecemento da Xunta de Sanidade. Por este motivo publicou Específico contra el cólera (1854), na que expón os síntomas do cólera e o seu método curativo. Esta preocupación polo tema sanitario, manifestada tamén nas denuncias contra a violación das disposicións sanitarias e as irregularidades que se cometían no lazareto da illa de San Simón, provocou que en 1858 a Xunta provincial de Sanidade lle confiase a dirección facultativa do botiquín que debía establecerse neste lazareto e a subministración das fumigacións.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Leiro

  • Deceso

    Lugar : Vigo