Charleroi
Charleroi
Cidade da provincia de Hainaut, Bélxica, á beira do río Sambre (204.899 h [1997]). É o centro dunha rica conca hulleira e de mineral de ferro que se estende dende Hainaut ata Liexa. Ten a súa orixe no pequeno lugar de Charnoy; en 1666 o marqués de Castel Rodrigo levantou unha fortaleza que recibiu o nome actual en honor de Carlos II o Enfeitizado. No 1668 pasou a Francia, e pola Paz de Nimega (1678-1679) volveu aos Habsburgo hispánicos. No 1794 foi conquistada polos franceses e a partir de 1814 pasou a formar parte dos Países Baixos.