chibcha

chibcha
  1. adx

    Relativo ou pertencente ao pobo chibcha ou á súa lingua.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo dos chibchas.

  3. s [ETN/HIST]

    Pobo amerindio precolombino, tamén coñecido cos nomes de muisca, muysca ou mosca, que antes da chegada dos conquistadores se asentaba na rexión montañosa oriental de Colombia, nas ramificacións dos Andes. Habitaban en poboados rodeados de valados e as súas construcións eran de cana e lama, a miúdo adornadas exteriormente con láminas de ouro. Desenvolveron unha agricultura na que destacaban os cultivos de millo, patacas, mandioca e algodón. Algúns grupos especializados dedicáronse á ourivería e á cerámica, o que constitúe o único legado desta gran cultura plasmado nas filigranas de ouro, as láminas, as estatuas e os peixes de cerámica. A súa principal fonte de riqueza eran os xacementos de sal xema, que exportaban ata Perú e o istmo de Panamá, cambiándoa a miúdo polo ouro que explotaban os quimbayas do Cauca. Estaban gobernados por un sistema político teocrático, no que os cargos de xefe e sacerdote eran hereditarios por liña materna, e os caciques máis poderosos, sobre todo o zipa de Bogotá, considerábanse divinos. O esplendor e a riqueza do zipa foi a orixe da lenda de Eldorado. En tempos da conquista española (1536), estaban nun proceso de expansión política e unificación territorial, e mesmo constituíron dous estados principais. Ofreceron pouca resistencia á conquista e, baixo o réxime represivo dos encomendeiros, a súa cultura declinou e a lingua desapareceu no s XVIII.

  4. [LING]
    1. s m

      Lingua, desaparecida no s XVIII e pertencente ás linguas chibchas, que se falaba nas mesetas altas de Bogotá e Tunja (Colombia).

    2. linguas chibchas

      Familia das linguas amerindias de América do Sur e de América Central que se estende desde os confíns de Costa Rica e Nicaragua, ao N, ata o golfo de Guayaquil, ao S, todo ao longo da costa do Pacífico, máis alá dos altiplanos colombianos e ecuatorianos, e chegan ata as ladeiras orientais da serra andina. As linguas chibchas, segundo a clasificación de Adolfo Constenla, clasifícanse en diversos grupos: vótico (rama, guatuso), ístmico (guaimí, bocotá, dorasque, cuna e inclúe tamén o que outros investigadores denominan grupo talamanca formado polo bribri, cabécar, boruca, teribe, etc) e magdalénico (tunebo, muisca, damana, chimila, ica, etc).

Palabras veciñas

Chiba | chibar | chibardo | chibcha | Chibiny | chibo -ba | chibro