Chicago
Cidade do estado de Illinois, EE UU, á beira do lago Michigan (2.721.547 h [1996]). É o núcleo da área metropolitana Chicago-Gary-Lake County, que se estende pola beira do lago e penetra polo SL en territorio do estado de Indiana; constitúe a terceira aglomeración urbana do país, despois de Nova York e Los Angeles (8.599.774 h [1996]).
Xeografía
Localizada nun emprazamento privilexiado nas rutas entre os Grandes Lagos e o litoral de Nova Inglaterra, constitúe unha importante encrucillada de estradas e ferrocarrís, ademais de porto lacustre, que a converten nun gran mercado de produtos agrícolas e gandeiros. O desenvolvemento das actividades industriais e terciarias a partir destes factores remataron de constituíla como un dos principais centros económicos e financeiros dos EE UU. O seu aeroporto internacional é o terceiro do país. A industria está moi diversificada (siderurxia, metalurxia, estaleiros, automoción, derivados cárnicos, téxtil, papeleira, editorial, etc) de feito constitúe o segundo foco industrial da América setentrional. Para fornecer de persoal cualificado os sectores produtivos, posúe unha ampla oferta de ensino superior, como o Saint Xavier College (fundado en 1847), a School of the Art Institute of Chicago (1866), a Chicago State University e a University of Illinois at Chicago (ambas as dúas fundadas en 1867), a University of Chicago (1890), a Loyola University (1909), a Depaul University (1907), a Mundelein University (1930), o Illinois Institute of Technology (1940), a Roosevelt University (1945), a Northeastern Illinois University (1960) e a Rush University (1972).
Historia
No territorio ocupado pola cidade actual existiu un asentamento indíxena, descuberto en 1673 por Louis Jolliet e Jacques Marquette. A finais do s XVIII instalouse unha factoría para o comercio de peles preciosas e en 1803 erixiuse o Fort Dearborn. Propiamente, Chicago fundouse en 1830 e sete anos máis tarde recibiu o título de cidade. A chegada do ferrocarril a mediados do s XIX acelerou o seu desenvolvemento e favoreceu a súa configuración como centro de mercado. A chegada de grandes continxentes de inmigrantes provocou un extraordinario incremento demográfico dende 1850. En 1871 un incendio destruíuna en parte, o que propiciou unha reconstrución baseada en ensaios de propostas urbanísticas que situaron a Chicago na vangarda da arquitectura e da socioloxía occidental. A finais do s XIX e principios do XX, o auxe da metalurxia e da industria mecánica orixinaron unha gran convulsión social que derivou en gravísimos incidentes: as manifestacións organizadas por anarquistas e radicais en maio de 1886, que ocasionaron varias mortes, tanto de activistas como de policías, tiveron unha gran repercusión no movemento obreiro universal. De feito a festa dos traballadores do 1º de maio conmemora a execución de catro anarquistas responsables dos disturbios, que se coñecerían como os mártires de Chicago. Tamén tivo gran repercusión a folga xeral de 1894. Como resposta á violencia obreira, a patronal recorreu á acción de pistoleiros, feito que supuxo a orixe do fenómeno do gangsterismo. En 1937, no marco da depresión económica, producíronse novamente graves disturbios e enfrontamentos entre policías e folguistas, que remataron con máis dun cento de mortos e varios feridos. A Segunda Guerra Mundial facilitou o relanzamento económico e a extensión da prosperidade á clase traballadora, polo que o movemento obreiro deixou de ser unha ameaza. A partir de 1960 tiveron lugar violentos altercados e accións a prol dos dereitos civís da minoría negra e contra a segregación racial.
Patrimonio cultural
Consérvanse algúns edificios construídos antes do incendio de 1871, entre outros, a Old Chicago Water Tower e a Soldier’s Home, ambos creados por William W. Boyington. Entre os edificios construídos tralo incendio de 1871 pola denominada Escola de Chicago destacan o Home Insurance Building (William Le Baron Jenney, 1833) o primeiro rañaceos do mundo, o Auditorium Building de Adler e Sullivane, e o Tacoma Building de Holabird e Roche. Xa no s XX destacan as obras de Ludwig Mies van der Rohe como o Lake Shore Drive, e de Frank Lloyd Wright, como a Robie House. Outras construcións destacables da cidade son a Sears Tower, un dos edificios máis altos do mundo, e a Tribune Tower. Entre as institucións museísticas da cidade destacan The Art Institute of Chicago, o Mexican Fine Arts Center Museum, o Museum of Contemporany Art, The Pace Museum e a Chicago Historical Society.