chileno -na

chileno -na

(< topónimo Chile)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Chile ou aos seus habitantes. Ex: A ditadura chilena cometeu importantes crimes durante anos.

    Ex: A ditadura chilena cometeu importantes crimes durante anos.

  2. s

    Natural ou habitante de Chile. Ex: Os chilenos acudiron ás urnas masivamente.

    Ex: Os chilenos acudiron ás urnas masivamente.

  3. arte chilena [ARTE]

    As manifestacións artísticas da época precolombina son escasas; consérvanse restos de cerámica pertencentes a distintas culturas. De todas elas a máis destacable foi a cultura diaguita, que produciu obxectos feitos en metais nobres. Desta época coñécense tamén gravados e pinturas rupestres, máscaras e copas rituais. Os araucanos tallaron esculturas en pedra branca. Na illa de Pascua destacan as grandes esculturas de pedra volcánica relacionadas coas culturas polinesias. Ademais atopáronse tamén as moai kavakava (estatuas de moitos lados), pequenas estatuas que representan figuras esqueléticas. A arquitectura chilena está condicionada polos numerosos terremotos que sufriu o país ao longo da súa historia e que provocaron a destrución de cidades e aldeas. Durante a época colonial, seguíronse as tendencias construtivas peruanas. En 1647, tralo terremoto que destruíu a cidade de Santiago, só quedou en pé a igrexa do convento de San Francisco. Os terremotos de 1647 e 1730 obrigaron á reconstrución da primitiva catedral de Santiago do s XVI. No s XVIII edificáronse a Casa de Moneda e as construcións xesuíticas barrocas que non se conservan. O neoclasicismo introduciuno o arquitecto italiano Joaquin Toesca (1745-1799), autor, entre outras obras, da igrexa de la Merced, do Palacio de los Gobernadores e do Hospital San Juan de Dios, ademais da reconstrución da catedral. No eido das artes plásticas, o período colonial caracterizouse pola importación de pezas procedentes dos centros artísticos da época, principalmente de Quito. No eido da pintura destacan Juan Zapata Inga, que realizou para o convento de San Francisco de Santiago as 42 teas que representan a vida do santo, e o pintor de orixe peruana José Gil de Castro (1785-1841?), coñecido como el mulato Gil, que foi autor dos retratos de Bernardo O’Higgins, Simón Bolívar e José San Martín. No eido da escultura destaca a obra de Ignacio Andía y Varela. Trala independencia impúxeronse as tendencias arquitectónicas francesas impulsadas por Claude François de Bains (1799-1858), autor do Teatro Municipal e do Palacio del Congreso Nacional. En 1850 fundouse a Escuela de Arquitectura de Santiago na que se formaron os primeiros arquitectos chilenos como Manuel Aldunate. Entre as construcións do s XIX destacan o palacio Cousiño de Paul Lathoud e o Mercado Central de Santiago de Fermín Vivaceta. Pola súa banda, en Valparaíso desenvolveuse unha arquitectura influenciada polas tendencias estadounidenses; entre as obras construídas destaca o edificio da Aduana de Brown Diffin. No eido das artes plásticas cómpre destacar a fundación da Academia de Pintura e o desenvolvemento ata finais do s XIX dunha arte académica. Destacaron Manuel Ramírez Rosales (1804-1877), Francisco Javier Mandiola Campos (1820-1900) e Manuel Antonio Caro (1835-1904). A cabalo entre os ss XIX e XX está a obra do grupo Cuatro Maestros: Alfredo Valenzuela Puelma (1856-1909), Pedro Lira (1845-1912), Juan Francisco González (1853-1933) e Alberto Valenzuela Llanos (1869-1925). A escultura da primeira metade do s XIX continuou coa produción de obras de imaxinería relixiosa. O francés Auguste François comezou a ensinar escultura na Academia de Pintura, de onde xurdiron os primeiros escultores chilenos. Sobresaíron José Miguel Blanco (1839-1897), Nicanor Plaza (1844-1919), Virginio Arias (1855-1941) e Guillermo Córdova (1869-1936). A renovación arquitectónica dos primeiros anos do s XX comezou coas obras de Luciano Kulcezewky, Ricardo Larraín Bravo e Ricardo González Cortés, e continuou con Carlos Alberto Cruz, Jorge Larraín, Ricardo Labarta, J. M. Figueroa, Enrique Brown, R. Vargas, N. Plaza, E. Barreda e S. Román. A pintura seguiu ao longo do s XX as tendencias internacionais. Nos anos trinta xurdiu o Grupo Montparnasse, formado en París por Pablo Burchard (1875-1964), Julio Ortiz, Vargas Rosas, Laureano Guevara e Armando Lira, non obstante o panorama pitórico estivo dominado pola figura do surrealista Roberto Matta (1912). Tras el desenvolveuse a obra do Grupo Rectángulo, formado por Elsa Bolívar, Vergara Grez, Claudio Román, Miguel Cosgrove e outros pintores entre os que destacaron Nemesio Antúnez (1918-1993), Enrique Zañartu, José Balmes, Rodolfo Opazo, Iván Vidal, Jaime González, Eduardo Bonatti e Ricardo Yrrazábal. A escultura mantívose, por unha banda, na liña do século anterior, coa obra de Lorenzo Domínguez, Totila Albert, Samuel Román, José Perotti e Raúl Vargas, e pola outra, a innovación chegou da man de Lily Garafulic, Marta Colvin (1907-1995), María Fuentealba, Raúl Valdivisso, Teresa Vicuña, Rosa Vicuña, Sergio Mallol, Raúl Marín e Berta Herrera.

  4. cine chileno [IMAX]

    Desde 1910, coa creación do primeiro documental, ata os comezos do cine sonoro, a industria cinematográfica chilena tivo unha relativa importancia, xa que se produciron unhas oitenta películas. Despois dunha longa crise, fundáronse os estudios Chile Films (1938) e a sociedade Diprocine (1955). Algúns anos máis tarde iniciouse unha actividade moi importante a través dos cineclubs, de onde xurdiu unha xeración posterior de directores destacados, como H. Soto (Érase un niño, un guerrillero y un caballo, 1968), M. Littin (El chacal de Nahueltoro, 1968), A. Francia (Valparaíso, mi amor, 1968), G. Acevedo, P. Chaskel, R. Ruiz (Tres tristes tigres, 1968), etc. Os primeiros anos da década dos setenta foron prolíficos en directores e obras, aínda que case todos os realizadores se exiliaron a partir da caída de Allende; algúns deles residen fóra do país, como M. Littin, director de Actas de marusia (1976), rodada en México. Neste período, ata a chegada do xeneral Pinochet ao poder, cómpre destacar Caliche Sangriento (1969), de H. Soto, Compañero Presidente (1970), de M. Littin, El realismo socialista (1972), de R. Ruiz, La batalla de Chile (1973), de P. Guzman, e La tierra prometida (1973), de M. Littin. A partir da ditadura de Pinochet, a situación cinematográfica en Chile reduciuse á exhibición de películas de produción estranxeira, especialmente norteamericanas. Os autores chilenos traballaron no exilio, e con posterioridade a 1973 cómpre citar os filmes La viuda de Montiel (1979) e Acta general de Chile (1985), de M. Littin, Llueve sobre Santiago (1975), de H. Soto, Hechos consumados (1985), de Luis R. Vega, Los hijos de la guerra fría (1985), de Gonzalo Justiniano, La estación del regreso (1987), de Leonardo Kochink, Imagen latente (1988) de Pablo Perelman, e a obra experimental de Raúl Ruiz en Francia. Coa chegada da democracia ao país a finais dos anos oitenta, celebrouse o primeiro encontro de realizadores cinematográficos chilenos en Viña del Mar, e comezaron a chegar axudas económicas públicas para a produción de filmes. De finais do s XX destacan, entre outras, La luna en el espejo (1990), de Silvio Caiozzi, La frontera (1991), de Ricardo Larraín, Chile en Transición (1991), de Gaston Ancelovici, e La rubia de la avenida Kennedy (1995), de Arnaldo Valsecchi.

  5. literatura chilena [LIT]

    O cultivo das letras iniciouse con El cautiverio feliz y razón individual de las dilatadas guerras de Chile, de Francisco Núñez de Pineda y Bascuñán (1607-1682), escrita en 1673 e publicada en 1863. A obra narra, en forma de novela, as súas experiencias como prisioneiro dos araucanos durante uns meses do ano 1629 e constitúe unha das críticas máis vigorosas da conquista de Chile. Dentro do xénero da crónica das Indias, o xesuíta Alonso de Ovalle (1601-1651) escribiu a Histórica relación do reino de Chile (1646), onde describiu a paisaxe, os pobos e os costumes do país. Entre os libros didáctico-relixiosos do s XVIII destacan La venida del Mesías en gloria y majestad (1810-1812), do xesuíta Manuel Lacunza; en canto ás polémicas daquel momento sobre a pretendida inferioridade do novo mundo cómpre destacar a defensa de Juan Ignacio Molina (1740-1829), autor do Compendio della storia geografica, naturale e civile del regno de Cili (Compendio da historia xeográfica, natural e civil do reino de Chile, 1776), escrita en Boloña, onde residiu e morreu. Froito da prosa enciclopedista crioula son as memorias El chileno consolado en los presidios (1826), do peruano arraigado en Chile Juan Egaña (1768-1836), escrito durante a súa deportación á illa de Juan Fernández. O teatro iniciouse coa obra de Camilo Enríquez (1769-1825), autor de dramas político-sentimentais e de poesía panfletaria e de tipo periodística en favor da independencia. O s XIX estivo marcado pola influencia do venezolano Andrés Bello, instalado en Chile en 1829, que configurou dunha maneira irreversible a vida cultural chilena. A chegada dalgúns arxentinos exiliados do réxime de Rosas axudou a completar a súa tarefa, que consistía sobre todo nunha nova interpretación do romanticismo. A primeira xeración romántica, a de 1842, formada polos seus discípulos e polemistas, creceu baixo o signo da pugna entre o clasicismo e o romanticismo, a lingua e a nacionalidade. Cómpre destacar a Salvador Sanfuentes (1817-1860), tradutor de Racine e autor de lendas, contos e dramas semellantes ás obras de Chateaubriand no tratamento de temas indíxenas; J. J. Vallejo (1809-1858), coñecido co pseudónimo de Jotabeche; José V. Lastarria (1817-1888) e Vicente Pérez Rosales (1807-1886), autor de Recuerdos del pasado (1886), unha das obras mestras da literatura chilena. A segunda xeración é xa plenamente romántica. Destacan os poetas Guillermo Blest Gana, Eusebio Lillo (1826-1910) e Guillermo Matta (1829-1899), cantor de temas civís e tradutor do autor parnasiano J. M. de Heredia. En prosa cultivouse o ensaio, a novela costumista e o folletín, como os de José Antonio Torres (1828-1864) con Los misterios de Santiago (1858); destacou ademais Alberto Blest Gana, moi influenciado por Balzac, que cultivou o teatro con temas de realidade nacional e tivo moitos seguidores (Adolfo Valderrama, Zorobabel Rodríguez e Vicente Grez). A finais de século, a poesía oscilou entre o romanticismo e o modernismo, e na narrativa destacaron Baldomero Lillo, Luis Orrego Luco, Federico Gana, Augusto D’Halmar, Pedro Prado, Rafael Maluenda, Fernando Santiván, Mariano Latorre, Eduardo Barrios, Joaquin Edwards Bello e Manuel Rojas. A poesía do s XX tivo un grande auxe; neste xénero destacaron, entre outros autores, Gabriela Mistral (1889-1957), pseudónimo de Lucila Godoy Alcayaga, e Pablo de Rokha (1894-1968), pseudónimo de Carlos Díaz Loyola, gran coñecedor da alma crioula e da linguaxe popular. Non obstante , a figura do s XX é sen dúbida o poeta Pablo Neruda (1904-1973), autor de Veinte poemas de amor y una canción desesperada (1924), España en el corazón (1937) e Canto general (1950). O recoñecemento da obra de G. Mistral chegou en 1945 cando lle concederon o Premio Nobel de Literatura; a súa poesía, inspirada na natureza, na nenez e no canto ás cousas sinxelas, reivindicou unha irmandade americana en obras como Desolación (1922), Tala (1932), Ternura (1944) ou Lagar (1954). Rokha, inimigo literario de Pablo Neruda, sacou do prelo, entre outras, as obras Cosmogonía (1927), Jesucristo (1935), Oda a la memoria de Máximo Gorki (1936) e Neruda y yo (1955). Outra figura importante foi Nicanor Parra (1914), autor de Poemas e antipoemas (1954) e Versos de salón (1962). O grande innovador da poesía, non só da chilena, senón tamén da latinoamericana, foi Vicente Huidobro (1893-1948), moi relacionado co movemento ultraísta español. Na súa poesía predomina esencialmente a técnica e o poder da creación, como introdutor do creacionismo defende que a función do poeta é crear e isto reflíctese en obras como Ecuatorial (1918), El espejo de agua (1916) ou Vientos contrarios (1926). Houbo tres autores que contribuíron con moita eficacia á formación dun teatro nacional: Acevedo Hernández, Armando L. Moock e Germán Luco Cruchaga. No período inmediato intensificouse o cultivo do teatro, especialmente polo apoio das tres universidades; cómpre destacar a Egon Wolff e Jorge Díaz. Dentro da narrativa destacan figuras como María Luisa Bombal (1910-1980), autora de La amortajada (1938); Carlos Droguett (1912-1992), con obras como Sesenta muertos en la escalera (1953) ou Patas de perro (1965); Fernando Alegría (1918), autor de Camaleón (1950) e El poeta que se volvió gusano (1956); Enrique Lafourcade (1927), con obras como Pena de muerte (1952) e Frecuencia modulada (1968); José Donoso (1924-1996), autor de Coronación (1957), Este domingo (1966) e El obsceno pájaro de la noche (1970); Jorge Edwards (1931), autor de El peso de la noche (1964), El anfitrión (1988) e Adiós poeta... (1990); Antonio Skármeta (1940), autor de No pasó nada (1978), Ardiente paciencia (1986) e Uno a uno (1996); Isabel Allende (1942), autora de La casa de los espíritus (1982), Eva Luna (1987), Cuentos de Eva Luna (1990) e Paula (1994); Luis Sepúlveda (1947), con obras como Un viejo que leía novelas de amor (1989), Patagonia Express (1995) ou Nombre de torero (1995); e a figura de Marcela Serrano (1951), autora de Nosotras que nos queremos tanto (1991), Para que no me olvides (1993) e Antigua vida mía (1995).

  6. música chilena [MÚS]

    Ademais da música autóctona, dunha gran riqueza rítmica e sobriedade melódica, aínda ben viva entre os indios araucanos, Chile posúe un repertorio tradicional de música popular moi rico, entre o que destaca a cueca, danza tradicional cantada. Posteriormente, sobresaíu a obra de Manuel Robles (1780-1837), autor do primeiro himno nacional de Chile; de José Zapiola (1807-1885), autor de música eclesiástica e de himnos cívicos, cunha personalidade que dominou a vida musical chilena do s XIX e Federico Guzmán (1837-1885), introdutor do romanticismo. No s XX destacaron os compositores Enrique Soro (1884-1954), Alfonso Leng (1884-?), Pedro Humberto Allende (1885-1966), Carlos Isamitt (1887-1974) e Domingo Santa Cruz (1899-1987). O cambio xeracional constitúeno Jorge Urrutia Blondel, René Amengual, Alfonso Letelier, J. Orrego-Salas, José Vicente Asuar, León Schidlowsky e Gabriel Brncic. Na interpretación destaca a figura do pianista Claudio Arrau. No eido da canción cómpre mencionar a figura de Violeta Parra (1917-1966) e de Víctor Jara (1938-1973), ambos os dous grandes folcloristas e cantautores da realidade social chilena, xunto co grupo Quilapayún. O Instituto de Extensión Musical fixo un gran labor de difusión musical grazas á Revista Musical Chilena.

Palabras veciñas

Childe, Vere Gordon | chile | Chile | chileno -na | chilera | chilindrada | chilindrón*