Chillida, Eduardo

Chillida, Eduardo

Escultor. En 1943 iniciou os estudios de Arquitectura que abandonou en 1947 para dedicarse á escultura. Estivo no Colegio de España de París (1948-1949), onde coñeceu a Pablo Palazuelo e a obra dalgúns dos seus referentes artísticos como Brancusi ou Julio González. As súas primeiras obras caracterízanse pola mestura da presenza da estatuaria clásica (Torso, 1950) coas propostas contemporáneas de Henry Moore (Pensadora ou Maternidade, 1948). En 1950 instalouse en Villaines-sous-Bois e en 1951 en Hernani, onde comezou a asistir á fragua de Josekrz Iturbe, o ferreiro de Urnieta. Realizou entón a primeira escultura abstracta en ferro titulada Ilarik (Pedras funerarias, 1951). Esta experiencia permitiulle afondar en dous aspectos que son unha constante na súa obra: o enlace coa tradición artesanal vasca como unha preocupación pola identidade nacional vasca e o traballo co ferro na busca das súas posibilidades volumétricas e espaciais. Neste período realizou as portas da Basílica de Aranzazu (1954) e iniciou en 1958 a serie Rumor de límites. A súa preocupación pola experimentación da gravidade amosouna en Lugar de encontros, peza suspendida da ponte que atravesa o Paseo de la Castellana de Madrid. O seu interese pola integración de arte e natureza levouno a experimentar con diferentes materiais como a madeira na serie Abesti Gogora, o mármore na serie sobre o Eloxio de la luz, o alabastro, ou a integración da obra escultórica na propia natureza como El peine de los vientos (Donostia, 1977). Desenvolveu importantes proxectos para monumentos públicos tanto en España como no estranxeiro. Exemplos desta actividade son A casa de Goethe (Frankfurt, 1986), o Gure Aitaren Etxea (Guernica, 1987-1988), que conmemora o cincuentenario do bombardeo da cidade, o Elogio del horizonte (Gijón, 1990), Diálogo-Tolerancia (Münster, 1992) que conmemora a Paz de Wesfalia, e Berlín (2000), símbolo da Chancelería Federal de Alemaña. Para Santiago de Compostela realizou a Porta da Música (1993) no Parque de Bonaval. No ano 2000 inaugurou no seu caserío de Hernani o Chillida Leku. É académico de honra da Real Academia de San Fernando (1989) e membro da Royal Academy of Arts de Londres (1983), entre outras institucións. Dos galardóns que recibiu destacan a bolsa da Graham Foundation (Chicago, 1958), o Premio Internacional de Escultura na Bienal de Venecia (1958), o Prix National de Beaux Arts de Francia (1984), o Premio Príncipe de Asturias das Artes (1987), o Premio Lorenzo o Magnífico (Florencia, 1987) e o Premio Europeo de Bellas Artes (1993). Entre outras distincións posúe a Medalla de Oro de Bellas Artes de España e a Gran Cruz da Orde do Mérito de Portugal (1995).

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Donostia