Chiodi, Buono Giuseppe
Mestre de capela e compositor. En 1770 chegou a Santiago de Compostela, pero xa se tiñan referencias súas grazas á presenza na catedral dos irmáns Baldassare e Giuseppe Servida, o contralto Giovanni Brunelli e o tiple Giuseppe Ferrari, todos eles procedentes de Lodi. Veu acompañado por dous discípulos seus: o tiple Felice Pergamo e o tiple-contralto Carlo Mauro, ambos os dous de Lodi. Segundo consta na documentación da catedral compostelá, no momento de contratalo era mestre de capela de Bergamo. O seu labor na catedral compostelá durante trece anos, como mestre de capela e como compositor, foi de gran relevancia: soubo aproveitar o momento de apoxeo económico da catedral e preocupouse por formar unha capela de música excepcional. Comezou a compoñer moi cedo, consérvase unha obra datada en 1750 e é posible que realizase algunhas outras anteriormente. A súa produción musical, preto de 600 composicións, consérvase na catedral compostelá e caracterízase por unha grafía áxil e estilizada; gran parte das súas obras aparecen simplemente esbozadas, con mínimas anotacións. Contou cunha notable presenza de instrumentistas e cantores estranxeiros (italianos, franceses e algún portugués), cunha sólida formación musical e prestixio. Converteu a capela de música compostelá nunha das máis importantes da súa historia. Todas as súas obras conservadas, agás unha “ópera” e tres pezas instrumentais, son de carácter relixioso e realizáronse case todas en Santiago de Compostela. Na súa mocidade compuxo pezas musicais profanas sobre textos poéticos de autores do seu contorno e seica tamén en Santiago de Compostela realizou algunhas. Con el rematou definitivamente na catedral de Santiago de Compostela o policoralismo vogal e implantouse, como contrapartida, a composición para un cuarteto de voces, con ou sen reforzo dun “segundo coro”. Ademais, constituíuse a orquestra “clásica”, onde adquiriron, por primeira vez en Compostela, un destacado protagonismo as trompas, os oboes e a viola. Asimilou as características propias da súa xeración e achegou o seu estilo musical máis ao dos compositores italianos coetáneos ca o dos mestres de capela das catedrais españolas; un estilo xenuinamente italiano, non unha simple copia. Na súa produción musical combínanse características do barroco con outras que denotan xa un cambio de estilo, feito que se podería considerar como a disolución do barroco musical, ou ben o estilo propio da época: o estilo galante. O seu estilo resulta novidoso na época; por iso, a súa produción ten un especial interese para a historia da música relixiosa española do s XVIII. O seu sucesor, o mestre Melchor López, revisou e fixo interpretar obras do seu repertorio, e introduciu, en contados casos, algunhas variantes, tendo en conta os medios e a nova estética.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Salò, Brescia -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela