Chirino López, Martín
Escultor. Director do Centro Atlántico de Arte Moderno (CAAM) de Las Palmas de Gran Canaria. Iniciou a súa formación no obradoiro de Manuel Ramos da súa cidade natal para despois trasladarse a Madrid, onde estudiou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando (1948-1952). Entrou en contacto coa escultura de Julio González e coa pintura de Fernand Léger durante a súa viaxe a París no 1952. En 1953 asistiu á School of Fine Arts, onde coñeceu a obra de Henri Moore. Regresou a Canarias e comezou a desenvolver a técnica do ferro forxado. O seu traballo en forxa reflexiona sobre o simbolismo de motivos iconográficos primitivos ou as relacións home-natureza, que o fan evolucionar desde a abstracción surrealista ata o conceptualismo. A obra desta primeira etapa caracterízase por unha estética surrealista e polo inicio dun interese polo primitivismo próximo á cultura guanche canaria e africana. No 1955 instalouse en Madrid e dous anos despois integrouse no grupo El Paso, onde desenvolveu propostas escultóricas informalistas. A serie Herramientas poéticas e inútiles, iniciada en 1961, e na que traballou con formas que evocan útiles de labranza como arados, reixas ou gadañas, marcou a estética de sobriedade e experimentación sobre o ferro no que estivo involucrado a finais dos anos cincuenta. Na década dos sesenta afondou nos motivos iconográficos relacionados coa cultura guanche, como amosan as series escultóricas Raíces, iniciada en 1959, ou El viento, iniciada en 1960, nas que a espiral se converteu no motivo da súa obra. As viaxes por Italia e Grecia xeraron un interese polas cores que se reflicte na serie Mediterráneas (1968-1969), onde os motivos escultóricos se constrúen a base de chapas soldadas e coloradas. O compromiso coa cultura autóctona canaria e a reivindicación africana volveu aparecer nas series dos Aeróvoros, iniciadas en 1973, ou Afrocán, iniciada en 1978, así como na súa proposta teórica exposta xunto a outros artistas canarios como Manuel Padorno ou Tony Gallardo no Manifiesto del Hierro (1976) e con Padorno e Josefina Betancor no Documento Afrocán (1976). Na Bienal de São Paulo de 1959 o pavillón español dedicoulle unha sala especial. A súa obra está representada nos principais museos de arte contemporánea de España e Europa. Foi presidente do Círculo de Bellas Artes de Madrid (1983-1990). En 1980 recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas e en 2001 a medalla de ouro de artes plásticas do Círculo de Bellas Artes de Madrid.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Las Palmas de Gran Canaria