"Cione" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 54.

  • Obra da autoría do avogado e musicólogo redondelán Casto Sampedro Folgar (1848-1937), galardoada no concurso convocado en 1909 pola Academia de Bellas Artes de San Fernando para premiar unha “colección de cantos y bailes populares de una provincia española”. En 1942 Xosé Filgueira Valverde fixo unha edición da obra, que resultou ser unha das fontes de información musical máis destacadas do folclore galego e que achega ao redor de 500 documentos musicais de 74 concellos de Galicia. Estruturalmente se divide en “Cantos”, “Bailes”, “Danzas e Farsas” e “Varia”, con “Tocatas varias” e “Curiosidades”. Inclúe unha descrición rigorosa das melodías, danzas e instrumentos, índice de localidades onde se fixo a recollida do material e un índice onomástico das persoas que aparecen ao longo da obra. Nas súas follas documéntanse alalás, regueifas, cantares de berce, aradas, alboradas, romances, carballesas, muiñeiras, pasacorredoiras, e outras formas musicais de Galicia. Posteriormente, en 1982, a Fundación...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Produción cinematográfica realizada por Basilio M. Patino en 1971. Trátase dunha serie de documentais, mesturados con fotos e cancións, onde se representa a posguerra española,   dende o final da Guerra Civil ata a sinatura do primeiro tratado cos EE UU. Foi prohibida polas autoridades franquistas e non puido visualizarse ata o final da ditadura.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organismo autónomo, adscrito ao ministerio da Presidencia, que realiza estudios de medición dos estados de opinión da sociedade española, principalmente a través de enquisas. Ten como antecedente o Instituto de la Opinión Pública (IOP), fundado en 1963, e a súa denominación oficial data de 1977.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • FAMILIAS

    Familia de artistas italianos de Florencia do s XIV. Coñecidos polo nome de Orcagna, destacan os irmáns Andrea, Nardo e Iacopo. Nardo di Cione (? - Florencia 1366), pintor, realizou os frescos coa escena do Xuízo final da capela Strozzi na igrexa de Santa Maria Novella de Florencia. Iacopo di Cione , tamén pintor, activo na segunda metade do s XIV e documentado ata 1398, foi autor dun tríptico con san Mateo (1367-1369) e dunha Coroación da Madre de Deus.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Arquitecto, pintor e escultor. Coñecido como L’Orcagna, documéntase activo en Florencia entre 1343 e 1368. A súa obra arquitectónica é bastante descoñecida, aínda que se lle atribúen traballos parciais na catedral de Orvieto (1359-1362) e na de Florencia (1362). Realizou o tabernáculo da Virxe en Orsanmischele (Florencia, 1359). A súa obra pictórica relaciónase coas propostas de Giotto, aínda que incorpora unha maior presenza dos elementos decorativos. Entre as súas obras destacan A Anunciación da igrexa de san Remigio (Florencia, 1346) e unha táboa con Cristo en gloria entre anxos e santos da capela Strozzi, en Santa Maria Novella (1354-1357). Atribúenselle un políptico na Accademia Fiorentina e os fragmentos do Triunfo da morte no Museo dell’Opera di Santa Croce. Influíu na pintura toscana da segunda metade do s XIV e tivo como discípulos a artistas como Francesco d’Arezzo ou Betto di Francesco.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Escultor, ourive e pintor. Coñecido como il Verrochio, comezou a súa formación escultórica no obradoiro do ourive E. Verrochi. Converteuse nun dos mestres renovadores da escultura do Catrocentos italiano. Entre os seus bronces máis relevantes destacan o David (1475) e o Monumento a Bartolomeo Colleoni (Venecia, 1479-1488), onde retomou o tema do retrato ecuestre no que contrasta o efecto dinámico do cabalo co contraposto do xinete. Realizou o sepulcro de Giovanni i Piero de Medici (1469-1472) e distintos bustos, como o de Lourenzo o Magnífico ou A dama do ramallete (1480), que revelan o dominio no tratamento dos panos e o detallismo de mans e rostros. En pintura destacou pola súa produción ornamental e pola formación dalgúns artistas significativos, como Perugino, Lorenzo di Credi ou Leonardo da Vinci que colaborou na realización das paisaxes de fondo do Bautismo de Cristo (1470?).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Editorial fundada en Madrid en 1918 por Nicolás María Urgoiti, propietario de La Papelera Española. O 1 de xaneiro de 1926 fusionouse coa tamén editora Hijos de J. Espasa, de Barcelona, da que xurdiu a editorial Espasa-Calpe.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organización integrada por 47 federacións e confederacións provinciais ou autonómicas, compostas por 12.000 asociacións de pais de alumnos, que operan nos centros públicos de ensino e algunhas no sector privado. Está representada no Consejo Escolar del Estado. En Galicia integra un número considerable de asociacións agrupadas, á súa vez en varias federacións provinciais e comarcais.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organización empresarial española fundada en xuño de 1977 trala disolución doutras tres entidades: Confederación Empresarial Española, Confederación General de Empresarios e Agrupación Empresarial Independiente. O seu principal obxectivo é representar os empresarios e defender os seus intereses fronte aos demais axentes sociais e á propia Administración. Integra máis dun millón de empresas a través de 2.000 asociacións de base e 170 organizacións territoriais e sectoriais, entre as que destaca a CEPYME, organización de pequenos e medianos empresarios que se incorporou á CEOE en 1980. O seu primeiro presidente foi Carlos Ferrer Salat, que desempeñou o cargo entre 1977 e 1984. José María Cuevas substituíuno o 23 de maio de 1984. A CEOE contribuíu á transición política española como voceira dos intereses dos empresarios. Nesta liña inscríbese a petición que presentou ás Cortes constituíntes en xuño de 1978, na que solicitaba o recoñecemento expreso ao sistema de libre mercado no texto constitucional....

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organismo autónomo, dependente do ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, creado en 1939 como nova fórmula organizativa para as institucións científicas preexistentes para funcións similares. Ten a finalidade de fomentar, orientar e coordinar a investigación científica en España e finánciase fundamentalmente por medio de orzamentos xerais do Estado. Desenvolve actividades de investigación a distintos niveis (dende os básicos ata os tecnolóxicos) e ten centros de investigación en todas as comunidades autónomas do Estado. Adopta como logotipo a árbore da ciencia. Os seus obxectivos e funcións son elaborar e executar proxectos de investigación científica e tecnolóxica; analizar e seleccionar os obxectivos científicos e tecnolóxicos das investigacións futuras; asesorar as distintas administracións do Estado no relativo á investigación e innovación tecnolóxica; fomentar o avance da investigación básica; colaborar coas universidades en actividades de investigación e ensino superior; e desenvolver...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación encargada polo arcebispo Blanco e polo cabido de Santiago de Compostela ao impresor Luís de Paz co obxectivo de informar dos acordos do concilio provincial celebrado en Salamanca e presidido polo cardeal Gaspar de Zúñiga. É o primeiro documento destas características impreso en Santiago de Compostela. Aprobadas o 19 de setembro de 1578, saíron do prelo a finais do mesmo ano. Divídese nunha portada, un decreto do arcebispo e as 37 constitucións que rematan na páxina 62; finalmente, engadíuselle un “Otorgamiento de las Constituciones”.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación impresa ao redor de 1601 por Luís de Paz en Santiago de Compostela, aínda que a súa primeira edición puido realizarse en Madrid en 1579. Inclúe unha inscrición na portada coas armas do arcebispo San Clemente e un decreto asinado polo provisor e vicario xeral do arcebispado, Licenciado Landeras, datado o 17 de maio de 1601. Seguidamente, insere unha táboa dos títulos, unha fe de erratas, un decreto do arcebispo Blanco do 5 de xuño de 1576 e as constitucións que rematan na folla 90 do documento. Contén, ademais, os “Mandamientos e instrutiones”, do arcebispo Blanco, e o libro péchase con “Dos placticas hechas a Sacerdotes”.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Primeiro libro impreso en Galicia con gravados en madeira, conservado no arquivo da catedral de Ourense. Carece da portada e dos folios XXI e XXII, e contén unha serie de grandes letras historiadas acompañadas de cinco gravados. As constitucións van precedidas dunha carta pastoral do bispo Francisco Manrique de Lara ao seu cabido, xunto cun proemio do mesmo dirixido a todos os representantes eclesiásticos. Inclúe unha epístola do impresor Vasco Diaz Tanco del Frexenal, que rematou a edición o 12 de maio de 1544.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Empresa creada en Madrid en 1990. Os seus antecentes remóntanse ao ano 1982, á empresa VideoTrama S A, pioneira en Galicia no seu sector, fundada por Francisco Casal e outros socios na Coruña. No ano 1986 Francisco Casal e Xavier Villaverde constituíron a empresa Xavier Villaverde Asociados, que en 1990 se transformou en Continental Produciones, da que Casal é o seu director xerente, e que conta con sedes na Coruña e Madrid. As actividades da empresa abranguen os campos cinematográfico, publicitario e videográfico. Entre 1989 e 2000 participou na produción de sete longametraxes, entre as que destacan Fisterra, de X. Villaverde, 1998 e Frontera sur, de G. Herrero, 1998. Por outra parte, dúas das súas últimas producións, Cuando vuelvas a mi lado, de G. Querejeta, 1999 e Sei quén es, de P. Ferreira, 2000, conseguiron varias nominacións e acadaron, respectivamente, o premio á mellor fotografía no Festival de Donostia-San Sebastián para Alfredo Mayo, e o premio...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Editorial fundada en 1942 en Barcelona polo grupo da revista que levaba o mesmo nome. Dende 1996 forma parte da editorial Planeta. Especializada na edición de obras de autores da posguerra, divide a súa produción en castelán nas coleccións: “Áncora y Delfín”, “Clásicos contemporáneos”, “Ensayos Destino”, “Obras varias”, “Grandes libros ilustrados”, “Arte”, “Destinolibro” e “Biblioteca Destino”. En 1946 comezou a publicar obras en catalán nas diversas coleccións: “El Dofí”, que desde 1969 inclúe o Premio Josep Pla, “L’Ancora”, “El Trident” e “Sunion”. Convocou a primeira edición do Premio Nadal en 1944. Galardón que lle foi concedido a Álvaro Cunqueiro con Un hombre que se parecía a Orestes (1968) e a Alfredo Conde con Los otros días (1991). Tamén presenta o Premio Destino-Guión e, desde o ano 1981, o Premio Apel.les Mestres de literatura infantil e xuvenil ilustrada.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Empresa española de construción fundada en Madrid no ano 1941 por Joaquín Reig Rodríguez e José Junquera. Pertence ao grupo bancario Santander Central Hispano. En principio constituíuse para construír portos e outras obras civís (estradas, presas, aeroportos), e no 1946 entrou no sector da edificación, sobre todo de vivendas e hospitais. Unha parte importante da súa obra realizouse no estranxeiro, especialmente en América Latina, Portugal e Oriente Medio. Formou parte do Grupo Dragados.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Empresa editorial creada en Vigo en 1989. Fundada e dirixida por Severino Cardeñoso Álvarez, conta con máis de 400 títulos publicados. Ademais das súas coleccións de contos literarios, poesía, narrativa, temas de Galicia, medicina e esencias, tamén publica dúas revistas, Miscelánea Literaria, mensual, e Tribuna de la Cultura, semestral.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Comarca do territorio de Bizkaia, Euskadi, atravesada polo río Cadagua. Malia as dificultades que presenta o relevo, a agricultura (millo, patacas e viña) e a gandería (bovina) son as principais actividades económicas. O núcleo comarcal é Balmaseda, onde hai un importante polígono industrial (téxtil, vidro, construcións metálicas e química). Tamén son importantes os xacementos de ferro situados ao NL da comarca.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Boletín aparecido en maio de 1811 e que se considera como o primeiro periódico de Lugo. Recibiu diversos epígrafes e denominacións, entre elas: Estado Mayor. 6º Exército. Resultado de las operaciones de este Exército; Quartel General del Exército. Diario de Operaciones del Ejército Español; Boletín del 6º Cuerpo del Ejército. Diario del 6º Cuerpo de Operaciones. Os seus artigos acompáñanse de datos sobre outros corpos do exército e novas sobre recoñecementos e actos de valor e heroísmo dos soldados.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Organismo constituído en Pontevedra a finais de 1953 co obxectivo de coordinar e impulsar as actividades de centros culturais e ateneos de carácter libertario. Contou con entidades adheridas en Vigo e nos seus arredores (Lavadores, Beade, Bembrive, Candeán, Sárdoma), Porriño, A Guarda, Cangas, Moaña, Vilagarcía e Pontevedra.

    VER O DETALLE DO TERMO