Continental Produciones S A

Continental Produciones S A

Empresa creada en Madrid en 1990. Os seus antecentes remóntanse ao ano 1982, á empresa VideoTrama S A, pioneira en Galicia no seu sector, fundada por Francisco Casal e outros socios na Coruña. No ano 1986 Francisco Casal e Xavier Villaverde constituíron a empresa Xavier Villaverde Asociados, que en 1990 se transformou en Continental Produciones, da que Casal é o seu director xerente, e que conta con sedes na Coruña e Madrid. As actividades da empresa abranguen os campos cinematográfico, publicitario e videográfico. Entre 1989 e 2000 participou na produción de sete longametraxes, entre as que destacan Fisterra, de X. Villaverde, 1998 e Frontera sur, de G. Herrero, 1998. Por outra parte, dúas das súas últimas producións, Cuando vuelvas a mi lado, de G. Querejeta, 1999 e Sei quén es, de P. Ferreira, 2000, conseguiron varias nominacións e acadaron, respectivamente, o premio á mellor fotografía no Festival de Donostia-San Sebastián para Alfredo Mayo, e o premio Goya, a José Nieto, pola mellor música orixinal. No terreo da publicidade algúns dos seus anuncios, realizados para industrias galegas, españolas e internacionais, obtiveron pola súa orixinalidade un grande éxito, corroborado coa obtención de varios premios Pavo Real. Ten producido programas tanto para a TVG coma para a TVE e en maio de 2001 presentou o portal de cultura alternativa bravú.net.

Palabras veciñas

continencia | continental | Continental | Continental Produciones S A | continentalidade | continente | contino, de