Confederación Española de Organizaciones Empresariales
Organización empresarial española fundada en xuño de 1977 trala disolución doutras tres entidades: Confederación Empresarial Española, Confederación General de Empresarios e Agrupación Empresarial Independiente. O seu principal obxectivo é representar os empresarios e defender os seus intereses fronte aos demais axentes sociais e á propia Administración. Integra máis dun millón de empresas a través de 2.000 asociacións de base e 170 organizacións territoriais e sectoriais, entre as que destaca a CEPYME, organización de pequenos e medianos empresarios que se incorporou á CEOE en 1980. O seu primeiro presidente foi Carlos Ferrer Salat, que desempeñou o cargo entre 1977 e 1984. José María Cuevas substituíuno o 23 de maio de 1984. A CEOE contribuíu á transición política española como voceira dos intereses dos empresarios. Nesta liña inscríbese a petición que presentou ás Cortes constituíntes en xuño de 1978, na que solicitaba o recoñecemento expreso ao sistema de libre mercado no texto constitucional. Tamén en xuño dese ano foi invitada a participar na OIT como representante do empresariado español, feito que significou un forte referendo para a súa pretensión de constituírse no interlocutor válido e representativo no diálogo social. Como consecuencia, interveu na práctica totalidade dos procesos de negociación xeral e na sinatura de diversos acordos e plans promovidos dende o goberno ou dende os demais axentes sociais.