Confederación Europea de Sindicatos
Organización sindical constituída en 1973 en Bruxelas por iniciativa da Confederación Internacional de Sindicatos Libres (CISL). O seu obxectivo é defender os intereses dos traballadores europeos, en particular ante as institucións europeas (UE e EFTA). A súa estrutura interna está formada polo Congreso, elixido por catro anos e que se ocupa do nomeamento do secretario xeral, das dúas secretarías xerais deputadas e do presidente; polo Comité Executivo, que se reúne catro veces ao ano cos representantes de todos os afiliados e elixe as delegacións que negocian coas organizacións de empresarios europeos; polo Comité Directivo, que ten a responsabilidade de continuar as decisións do Comité Executivo no tempo que media entre as súas sesións; polo Secretariado, que se ocupa de seguir a evolución das actividades da Confederación de manter as relacións coas institucións europeas e coas organizacións de empresarios; e polo secretario xeral, que actúa como voceiro. En outubro de 1998, a Confederación tiña entre os seus membros 65 confederacións nacionais de sindicatos de 28 países e 14 federacións de industrias europeas, cun total de 59 millóns de membros. Contaba ademais con seis confederacións nacionais de sindicatos e cunha federación europea con status de observadores. Está recoñecida pola Unión Europea, o Consello de Europa e a EFTA, como o único sindicato intersectorial representativo a nivel europeo.