"Nan" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 1411.

  • GALICIA

    Xornalista e político. Estudiou dereito nas universidades de Santiago de Compostela e Salamanca. Comezou o seu labor periodístico nas publicacións Murmullos Literarios e El Anunciador. Posteriormente, en Santiago de Compostela fundou El Cupido e traballou como redactor de La Verdad e La Gaceta de Galicia, ademais de colaborar con El Ciclón. Novamente na Coruña, fundou e dirixiu Galicia Cómica, ademais de colaborar con El Imparcial Coruñés e El Alcance. Foi director de Tierra Gallega, redactor xefe de El Telegrama e tivo unha sección propia en La Voz de Galicia. Na súa estadía en Ferrol foi director de El Correo Gallego e Diario Ferrolano. Finalmente, dirixiu Diario de Huelva, ademais de colaborar en diferentes xornais americanos. No eido político foi concelleiro na Coruña. Publicou os folletos Para una noche e Parábolas (1920).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Bispo de Tui (1666-1669). Formado na Universidad de Alcalá de Henares, foi prior na colexiata de Santa María (A Coruña), capelán de honra da súa Maxestade e arcediago de Valderas (León). Durante o seu bispado emprendéronse as obras na capela de San Xulián do Monte Aloia. Posteriormente foi trasladado aos bispados de Coria e Jaén.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Escritor e xornalista. En 1993 obtivo o Premio Calderón de la Barca coa obra Para quemar la memoria e en 1994 presentou Qué hizo Nora cuando se marchó?, coa que tentou dar continuidade á coñecida obra de Henrick Ibsen, Casa de bonecas. En galego publicou o monólogo Mariana (1997).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Militar e político, conde de Luchana, duque da Victoria, duque de Morella e príncipe de Vergara (1872). Deixou o seminario dos dominicanos de Almagro aos quince anos para loitar na Guerra de Independencia fronte a Napoleón. En 1815 marchou a América, onde combateu os independentistas e, ao morrer Fernando VII, púxose ao servizo de Isabel II para combater os carlistas. Ascendeu a xeneral, acadou a vitoria de Luchana (1836) e negociou co xeneral Maroto o Convenio de Vergara (1839), que remataba coa Primeira Guerra Carlista. Trala renuncia da raíña rexente María Cristina, foi nomeado rexente (1840-1843). O período do seu goberno caracterizouse pola inestabilidade política e as revoltas sociais; finalmente, unha coalición de progresistas e moderados expulsouno do poder e houbo de exiliarse en Inglaterra. Regresou a España co goberno de R. M. Narváez; e Isabel II confioulle a presidencia do consello de ministros, cargo que ocupou durante o Bienio Progresista (1854-1856).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Compositor e organista. Relixioso franciscano, comezou os estudios musicais en Madrid e en 1909 trasladouse a Pontevedra. Foi membro fundador da Coral Polifónica de Pontevedra e director de diversas agrupacións musicais. Autor de numerosos artigos sobre música, das súas composicións destaca Colección de cantos religiosos, Romance de doña Alda, Camiña don Sancho, mañanciña fría, Alalá de Pontevedra e Este é o tempo. Así mesmo, publicou Canto popular gallego (1922), Año seráfico, o sea, santoral de la primera orden franciscana (1932) e Canto popular gallego. Colección de temas musicales y coplas gallegas (1940).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Artista plástica. Licenciouse en Belas Artes na especialidade de pintura pola Universidade de Vigo (1995), da que é profesora. O seu traballo incidiu na relación tecido-texto que, desde 1995, respondeu ao seu sentido etimolóxico en tecidos epidérmicos que se sedimentaban sobre textos e grafías, formando unha pel-pintura de transparencias e, dende o 2001, baseouse na orixe histórica, na que o texto-tecido é un fío que contrae tramas e deixa de ser un recurso para converterse no tema. Dende 1994 realizou exposicións individuais e participou en numerosas mostras colectivas. Recibiu, entre outros galardóns, a bolsa de Novos Valores da Bienal de Pontevedra (1994), o XVI Premio de Pintura L’Oreal (2002) e a bolsa Pollock-Krassner Foundation de Nova York (2002). A súa obra está presente nas coleccións Caixanova, Museo de Pontevedra, concello de Hondarribia e na Colección L’Oreal.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Político mexicano. Coñecido como Guadalupe Victoria, loitou en favor da independencia mexicana e aceptou o plan de Iguala (1821), pero, oposto ao Emperador Itúrbide, participou no pronunciamento de Santa Anna (1822). Formou parte do poder executivo provisional (1823) e foi elixido presidente da República (1824-1829).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Pintora e fotógrafa. Licenciouse en Belas Artes e ampliou a súa formación (1996) na Universidade de Plymouth (Exeter). No eido da fotografía, cursou estudios no Centro Galego de Artes da Imaxe e na Escola de Imaxe e Son de Galicia. Nos seus comezos traballou no eido da pintura obxectual e coa técnica do vídeo-creación para entrar despois na fotografía. As súas obras presentan sombras e figuras reducidas a unha superficie escura e indefinida que implican os espectadores nunha especie de voyeurismo ante a néboa que lles impide ver. As figuras aparecen en espacios públicos, como cines e lugares de tránsito onde a figura tenta desaparecer. Foi colaboradora gráfica do suplemento cultural de El Correo Gallego (1995). Realizou exposicións individuais e participou, entre outras colectivas, na III Bienal de Artistas Galegas (Vigo, 1994), Caminantes (Pontevedra, 1999) e Tiempo de Feminidad (Madrid, 2000).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Pintor. Coñecido como Abel, cursou estudios na Escola de Artes e Oficios da Coruña. Cultivou técnicas, como o óleo, a cerámica, a augaforte, a serigrafía e o debuxo metalgráfico. Realizou a súa primeira mostra en 1951 baixo o nome de Fernández Tudó. A súa obra está presente en coleccións privadas de, entre outros países, Arxentina, Canadá, EE UU, Nova Zelanda e Suecia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Artista visual. Na súa obra combinou o sexo coas imaxes dos mass media intentando recriminar as actitudes de intolerancia da sociedade. Recibiu un premio no VIII Certame de Artes Plásticas Cidade de Lugo (2000) e participou na mostra Novos Valores da Bienal de Pontevedra (2001) co vídeo Mi sexualidad: tu pecado.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Pintora. En Madrid asistiu a clases de pintura con Manuel Gutiérrez Navas. Cultivou a paisaxe, o retrato e a pintura floral, especialmente ao óleo, cun carácter imaxinativo. Empregou as tonalidades sombrías e, co paso do tempo, a pincelada empastada. Realizou exposicións en Monforte de Lemos, Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Madrid e participou, en mostras colectivas, como o XXXVII Salón de Otoño de Madrid (1966), na Primeira Bienal Rexional de Arte de Pontevedra (1970) e na Primeira Bienal Nacional de Arte de Pontevedra (1971). Recibiu, entre outros galardóns, o primeiro premio de pintura da XVI Exposición Provincial de Arte (Lugo, 1957), a mención especial ao conxunto da súa obra na XIX Exposición Provincial de Arte (Lugo, 1960) e a terceira medalla do Salón de Otoño de Madrid (1963).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Xogador internacional de fútbol. Coñecido como Pahiño, proclamouse máximo goleador do Campionato Español de Liga de Primeira División nas tempadas 1947-1948 (co Real Club Celta de Vigo) e 1951-1952 (co Real Madrid C.F.). Foi integrante da selección española en tres ocasións.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Sindicalista. Practicante da Beneficencia Municipal da Coruña e secretario do Colexio Oficial de Practicantes (1928), encabezou o Partido Sindicalista en Galicia a partir de 1934 e participou activamente na campaña a prol do Estatuto de 1936. Agochado na Coruña durante a Guerra Civil, reapareceu en 1941 como un dos impulsores do primeiro comité local da CNT na clandestinidade. Pouco despois, trasladouse a Madrid coa finalidade de asegurar o enlace do Comité Nacional da CNT coa organización galaica. Membro do comité nacional do Movemento Libertario (1943-1946), traballou xunto con Xoán García Durán para conformar a Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas (ANFD) e en 1945 foi o secretario do seu consello nacional. Detido en abril de 1946, permaneceu na cadea ata 1951.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Pintora e escritora. Expuxo individualmente por primeira vez no Casino de Monforte de Lemos en 1978 e posteriormente en Lugo, Madrid e Pontedeume. Publicou a colección de poemas e contos Lembranzas e Pantasías (1974).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Historiador. Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, é crítico de cine e televisión no xornal La Voz de Galicia (desde 1981). Vinculado ao desenvolvemento do audiovisual galego desde finais dos anos setenta, promoveu e presidiu (1985-1990) a Federación de Cineclubes de Galicia (con anterioridade presidira o Cineclube Carballiño) e coordinou (1984-1996) as Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (XOCIVIGA). Tamén dirixiu e presentou na Televisión de Galicia (1985-1986) o espazo “Galicia no cine”. Posteriormente foi asesor cinematográfico no gabinete de prensa da CRTVG. Colaborador de distintas publicacións, destacan as súas obras Crónica de cine. O Carballiño (1900-1990) (1994), Carlos Velo. Cine e exilio (1996), As imaxes de Carlos Velo (2002) (Premio Sempre en Galiza 2001) e A Bella Otero, pioneira do cine (Premio Chano Piñeiro 2002). Cómpre mencionar tamén as súas actividades como empresario cinematográfico e as súas incursións como narrador no terreo da...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Actor, director e mestre. Traballou como profesor de declamación no Conservatorio da Coruña. Participou como actor nas compañías Tespis, Teatro Circo, Escola Dramática Galega; dirixiu varios espectáculos cos Titiriteiros do Norte e foi promotor de teatro. Despois de dedicarse á dobraxe, integrouse como actor e profesor en CasaHamlet.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Historiador da Arte. Doutor en Historia da Arte (1992) e profesor dende 1987 na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e no Centro Asociado da UNED da cidade herculina, en 1993 puxo en marcha o departamento de Historia da Arte da facultade de Humanidades de Ferrol, do que foi profesor. As súas investigacións centráronse na arte e na arquitectura dos ss XIX e XX, en especial da arquitectura galega comprendida entre 1800 e 1930. Dende 1989 codirixiu o Inventario Arquitectónico da Deputación da Coruña. Crítico de arte en diversas publicacións, foi asesor histórico de traballos de restauración arquitectónica, entre os que destaca o realizado en San Xoán de Caaveiro. Participou, entre outras obras, en El arquitecto Daniel Vázquez-Gulías (1999) e Arquitecturas da provincia da Coruña (1995-2001). Das súas obras destacan Arquitectura del eclecticismo en Galicia (1995-1996) e O arquitecto Pedro Mariño Ortega (1996).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Artista plástico. Coñecido como Ferreira, formouse na Escola de Artes e Oficios da Coruña e despois de xeito autodidacta. Os seus estudios de psicoloxía levárono a indagar sobre o impacto da cor no home e no medio ambiente. Realizou exposicións individuais nas principais cidades galegas e participou en diversas colectivas. Recibiu, entre outros galardóns, o terceiro premio nacional do XVII Certamen de Artes Plásticas do ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Canteiro escultor. Diplomouse en cantería e escultura na Escola de Canteiros de Poio (1979-1982). Realizou cruceiros e cantería ornamental en talleres de Pontevedra e dende 1998 centrouse na talla decorativa e na escultura figurativa e heráldica. Foi monitor de cantería nas escolas taller de Betanzos onde traballou na recuperación das Antigas Escolas de San Francisco e no Xardín do Pasatempo (1990-1993; 1993-1996).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • GALICIA

    Fotógrafo. Cursou estudios de mariña civil e dereito. Iniciou a súa actividade profesional na fotografía de paisaxes, para o que percorreu as serras e os montes de España. Traballou primeiramente para a axencia Omega e, posteriormente, creou o estudo Tam Tam Comunicación Visual. Especializado en fotografía de teatro e ópera, os seus traballos apareceron distribuídos en publicacións de todo o mundo, como Scherzo, Opera, Centro Dramático Galego, Centro Dramático de Viana do Castelo ou Guipuzcoa Tours.

    VER O DETALLE DO TERMO