Fernández Fernández, Miguel Anxo
Historiador. Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, é crítico de cine e televisión no xornal La Voz de Galicia (desde 1981). Vinculado ao desenvolvemento do audiovisual galego desde finais dos anos setenta, promoveu e presidiu (1985-1990) a Federación de Cineclubes de Galicia (con anterioridade presidira o Cineclube Carballiño) e coordinou (1984-1996) as Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (XOCIVIGA). Tamén dirixiu e presentou na Televisión de Galicia (1985-1986) o espazo “Galicia no cine”. Posteriormente foi asesor cinematográfico no gabinete de prensa da CRTVG. Colaborador de distintas publicacións, destacan as súas obras Crónica de cine. O Carballiño (1900-1990) (1994), Carlos Velo. Cine e exilio (1996), As imaxes de Carlos Velo (2002) (Premio Sempre en Galiza 2001) e A Bella Otero, pioneira do cine (Premio Chano Piñeiro 2002). Cómpre mencionar tamén as súas actividades como empresario cinematográfico e as súas incursións como narrador no terreo da ficción con obras como O sabre do francés (2002) ou Un nicho para Marilyn (Premio de Novela García Barros 2002). Membro da Comisión Técnica de Cinematografía e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega e do Patronato do Museo do Pobo Galego. Recibiu o Premio Historia da Galicia Cinematográfica (1994) e o Premio Honorífico Fernando Rey (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : O Carballiño