"OCI" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 818.

  • Asociación mariñeira constituída en 1914, coa finalidade de agrupar os tripulantes dos vapores de pesca e dos buques mercantes do porto da Coruña. Estivo integrada na Federación Local Obrera. A raíz do Congreso da CNT de 1919, converteuse en sección do Sindicato Único del Transporte Marítimo que agrupaba ademais ás profesións vinculadas ás tarefas portuarias. Coa disolución dos sindicatos únicos pola Ditadura de Primo de Rivera, transformouse nunha sociedade de oficio, integrada exclusivamente por mariñeiros, fogoneiros e patróns dos barcos de pesca. Foi suspendida en 1927. Durante a Segunda República estruturouse como sindicato de industria.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Club de balonmán da parroquia de Chapela (Redondela). Logrou o ascenso á Liga ASOBAL na tempada 1994-1995, competición onde permaneceu ata a campaña 1999-2000.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Agrupación deportiva fundada en Pontevedra en 1945 que incluía as modalidades de ximnasia, atletismo, fútbol, baloncesto, balomnán, remo, natación, hockey, ciclismo, xadrez e tenis de mesa e que se ampliou a outros deportes. A sección de balomnán comezou a destacar na década de 1960. Participou en División de Honor da liga ASOBAL en numerosas ocasións desde que ascendeu por primeira vez na tempada 1972-1973. Finalista da Copa do Rei en 1993, na tempada 1994-1995 clasificouse para a City Cup.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Sociedade fundada na Coruña en 1884 baixo a iniciativa e presidencia de Emilia Pardo Bazán. Tiña como finalidade recoller, estudar e conservar as tradicións e costumes galegos. En 1885 publicaron un tomo dedicado ao folclore galego na Biblioteca de Tradiciones Populares Españolas.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Institución benéfica creada en Puerto Rico en 1883 por emigrantes españois, moitos deles galegos. ; Fundouse co propósito de proporcionar asistencia sanitaria aos emigrantes españois.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Empresa constituída en 1908 dedicada á construción naval. Coñecida como La Naval, as súas orixes están nunha normativa para a reconstrución e modernización da armada española do 7 de xaneiro de 1908 pola que o goberno lle adxudicou o concurso para realizar o Plan de Escuadra Ferrándiz. A sociedade estaba formada maioritariamente por capital español, pero cunha importante presenza británica que representaba o 40% do capital. En xuño de 1909 produciuse o arrendo dos arsenais e estaleiros de Ferrol e Cartagena á empresa construtora. Durante o primeiro terzo do s XX monopolizou a construción naval en España, inspirada en buques da Royal Navy. Despois dun período de expansión e prosperidade, a Primeira Guerra Mundial supuxo un colapso na construción naval, que se recuperou na década de 1920 ata a crise de 1929. Na Segunda República atravesou dificultades económicas. Despois da Guerra Civil, en 1947 creouse, a partir dela, a Empresa Nacional Bazán de Construciones Navales Militares SA.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Emisora radiofónica de ámbito estatal e contidos xerais fundada o 14 de novembro de 1924 e integrada na Sociedad de Servicios Radiofónicos Unión Radio. Coñecida como Cadena Ser, tivo a súa orixe na primeira emisora en España, EAJ-1, Radio Barcelona, á que lle sucedeu a emisora central da SER, Radio Madrid (1925), xestionada sucesivamente polas familias Urgoiti, Fontán i Garrigues e, a partir de 1986, por Jesús de Polanco dentro do Grupo Prisa. Con 146 emisoras propias, é a emisora líder en España con programas como “Hoy por Hoy”, “El Larguero”, “Carrusel Deportivo” ou “Hora 25”.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Asociación musical creada na Coruña en 1904. É a máis antiga de Galicia e o seu obxectivo inicial foi a difusión da música clásica. Promoveu e organizou concertos de solistas e grupos de cámara, en que participaron Pau Casals, Arthur Rubinstein, Rachmaninoff, Andrés Segovia, Victoria de los Ángeles, Alfredo Kraus, Montserrat Caballé, a Orquesta Sinfónica de Madrid ou a Orquestra Sinfónica de Bratislava.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Asociación musical creada en Vigo en 1915 no seo da sociedade La Tertulia. En 1918 independizouse e formou unha directiva propia. O seu obxectivo é organizar concertos e impulsar o desenvolvemento musical. Como sede empregou distintos auditorios da cidade e organizou concertos de solistas e grupos de sona internacional como Pau Casals, Arthur Rubinstein, Elly Amelling, a Orquestra de Cámara de Berlín, a Orquestra de Cámara de Praga ou a Orquestra Sinfónica de Galicia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Asociación musical creada en Lugo en 1947. Fundouse co propósito de fomentar e difundir a música clásica na cidade lucense. Co Círculo de las Artes organizou o seu primeiro concerto e con el colabora desde 1962 na celebración da Semana de Música del Corpus. Ofrece concertos con figuras e orquestras, como Narciso Yepes, Teresa Coleman, Kenneth Spencer, Takas--hi Shimizu, a Orquestra Sinfónica de Alemaña ou a Orquesta Sinfónica de Madrid.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Agrupación musical creada en Ourense en 1947. Fundouse coa pretensión de fomentar a música clásica e ata 1968 mantivo unha intensa actividade. En 1971 iniciou unha nova etapa, en que incrementou o número de concertos. En 1980 fíxose cargo da sociedade unha nova directiva que conseguiu aumentar aínda máis o número de concertos e o número de socios. Colabora co Conservatorio de Música de Ourense e coa Sociedad Liceo Recreo Orensano.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Asociación musical creada en Celanova en 1975. Fundouse para promocionar a música na vila mediante concertos e audicións. Posteriormente crearon a Coral Polifónica Solpor, un grupo de baile e o grupo de teatro Solpor.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Boletín publicado na Coruña a partir de 1959. Subtitulado “Boletín informativo” a partir do número 7, foi unha das primeiras publicacións fotográficas editadas en Galicia. Cunha periodicidade mensual, tivo un carácter divulgativo e didáctico.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Sociedade fundada en 1901 cun carácter de resistencia. En 1903 ingresou en UGT. Na década de 1920 adheriuse á Federación Regional de Obreros de la Industria Pesquera de Galicia e mudou o seu nome polo de Sociedad de Marineros y Oficios Varios. Durante a Segunda República integrouse na CNT e na Federación Regional de Industria Pesquera como Sindicato de Oficios Varios.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Agrupación musical creada en Pontevedra en 1925. Fundada, entre outros, por Antón Losada Diéguez, Afonso R. Castelao, Antonio Iglesias Vilarelle ou Vicente Barreiro, para impulsar as actividades musicais na cidade. Losada Diéguez foi o seu primeiro presidente, cargo que tamén ocupou Castelao quen, ademais, foi o encargado de realizar diversas escenografías para as actuacións da coral. O seu repertorio inclúe polifonía sacra e profana, así como temas populares.

    VER O DETALLE DO TERMO
      1. Reunión permanente, baseada nunha relación estable, dos membros que integran o máis amplo grupo social. É recoñecida como anterior a cada un dos individuos e grupos que a integran e baséase na súa vontade implícita de vivir en común para posibilitar o cumprimento de diversos obxectivos fundamentais. Son todos os grupos que integran a sociedade global os que determinan a estrutura xeral, en virtude da que son asignados aos seus membros diversos lugares ou normas de actuación. A organización clave da sociedade é a política que ten como obxectivo a mesma vida en común.

      2. sociedade conxugal

        Relación estable, socialmente lexitimada como matrimonio ou simplemente recoñecida, entre dúas ou máis persoas.

      3. sociedade postindustrial

        Estadio do desenvolvemento económico en que os elementos produtivos derivados do saber, o sector cuaternario, e as grandes organizacións politicoeconómicas que marcan as orientacións globais e condicionan o crecemento.

      4. sociedade sen clases

        Estadio do desenvolvemento da sociedade en que desaparecen as diferenzas entre os homes debidas á estrutura socioeconómica capitalista. A idea da sociedade sen clases é tamén propia do capitalismo, aínda que este concibe as clases dunha maneira diferente.

      5. sociedade de consumo

        Estado e etapa do desenvolvemento capitalista da sociedade, baseado na creación de necesidades fiticias por superar a saturación da produción.

      1. Conxunto de persoas reunidas de xeito oficial e estable para perseguir un fin común segundo certas condicións ou regras.

      2. sociedade bíblica

        Institución protestante fundada en 1804 en Londres, baixo a denominación de British and Foreing Bible Society. En 1946 constituíuse a federación de todas as sociedades bíblicas nacionais, baixo a denominación de United Bible Societies. O seu obxectivo é axudar a traducir os textos bíblicos, revisalos e facilitar a súa distribución.

      3. sociedade de autores

        Asociación de autores literarios, científicos, musicais ou doutro tipo, que ten por obxecto defender os seus dereitos. En España creouse en 1908 e forma parte da Confederación Internacional das Sociedades de Autores e Compositores, con sede en París.

      4. ...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Sociedade fundada en 1970 en Ferrol. Naceu coa finalidade de expandir e promocionar a arte. Organiza cursos, conferencias e exposicións.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Entidade sen ánimo de lucro, fundada en 1961, que ten como obxectivos o estudo das afeccións cirúrxicas en todos os seus aspectos, contribuír ao progreso do coñecemento e bens públicos, defender o prestixio e os intereses dos cirurxiáns, así como establecer nexos de unión entre organismos similares.

    VER O DETALLE DO TERMO