"Sil" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 565.

  • Mártir cristiá de Roma, da época de Nerón, executada xunto con Anastasia. Unhas tradicións fannas naturais de Xátiva e bautizadas polo Apóstolo Paulo, a quen seguiron a Roma. A ermida das Santas da Albacara de Xátiva está dedicada a elas. A Igrexa Católica celebra a súa festividade o 15 de abril.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Réptil fabuloso ao que se atribuía a propiedade de matar coa mirada, representado como un ser especialmente temible, con ollos e boca ardentes, corpo de serpe, patas de galo, alas espiñadas e rabo en forma de lanza.

    2. Réptil meseoamericano de ata 80 cm de lonxitude, de cores variables. Presenta unha crista eréctil na cabeza, especialmente desenvolvida nos machos, e outra ao longo da columna e da cola. Habita nos arredores dos ríos e regatos e aliméntase de froitos e insectos; móvese rapidamente e poden correr pequenas distancias por riba da auga.

    3. Peza de artillería empregada nos ss XVI e XVII. Usada especialmente polos turcos en combates navais, desprazou á bombarda. Desapareceu a causa da dificultade do seu manexo.

    4. Representación da figura quimérica dun animal en forma de dragón con cabeza de galo, vista de perfil.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antigo pazo de Basille, situado na parroquia de Pousada (Baralla). Tivo diversos propietarios, entre eles o conde de Lemos e marqués de Sarria, e o mosteiro de Santa María de Penamaior (1159). A torre de tres plantas está feita con cachotería de lousa e con cantería nos ángulos. De planta cadrada, ten a capela nun ángulo do patio.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Arquitecto ruso de formación francesa. Realizou, en estilo clásico, un proxecto de reconstrución total do Kremlin de Moscova (1772) que non foi levado a cabo. É autor do Novo Arsenal de Leningrado (1768 -1769). A súa obra mestra é a casa Pahkov (1784-1786), máis tarde denominada biblioteca Lenin.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Escritor ruso. Deuse a coñecer co conto Derevn’a Berd’ajka (O pobo de Berd´ajka, 1961) e consagrouse con Privyčnoje delo (Traballo habitual, 1966). Da súa produción destacan Plotničkije Rasskazy (Historias dun madeireiro, 1968), Utrom u subbotu (Sábado pola mañá, 1976) e Vospitanije po doktoru Spoku (A educación segundo o doutor Spock, 1978).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • MUNICIPIOS

    Municipio da provincia de València, Comunitat Valenciana, na marxe esquerda do río Turia (9.155 h [1996]). A superficie do territorio é case toda chá. Os principais cultivos son de regadío (cebolas, millo e laranxas), aproveitando a auga do Turia. A actividade industrial, moi diversificada, básease en pequenas empresas dos sectores do papel, téxtil e de materiais de construción, aínda que hai tamén unha gran fábrica de confección. A igrexa parroquial da vila é barroca, de comezos do s XVIII. No outeiro de Montiel, preto da vila, está o mosteiro e santuario de Montiel, centro de peregrinación comarcal.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Empresario e político. Director dunha empresa inmobiliaria, cara á década dos setenta comezou a crear o grupo de comunicación Fininvest, que chegou a controlar importantes diarios (La Repubblica, Il Giornale), revistas (L’Espresso), editoriais (Mondadori), televisións (Canal 5), etc, como tamén a cadea de alimentación La Standa e o equipo de fútbol do Milán. No ano 1994 creou o partido político Forza Italia que liderou o Polo da Liberdade, coalición de centro-dereita que gañou as eleccións xerais dese ano, sendo proclamado primeiro ministro. Nas eleccións de 1996 a súa coalición perdeu fronte á coalición de esquerdas L’Olivo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Sociolingüista. A súa obra retoma as análises de Cussier, Sapir e Worf sobre a función constitutiva da linguaxe e as teses de Durkheim sobre a relación entre estrutura social e estruturas típicas sometidas a probas empíricas. A súa teoría, afastada da de Chomsky, incidiu nas ciencias da educación, na psicolingüística e na psicoloxía evolutiva. É autor de numerosos artigos, algúns deles recolléronse en Class, codes and control (Clase, códigos e control, 1971).

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo ou pertencente aos betsileos.

    2. Individuo dun pobo betsileo do grupo malgache.

    3. Pobo do grupo malgache instalado no centro de Madagascar. A base económica tradicional do millón de individuos que integran o grupo é a agricultura, fundamentalmente de arroz, que cultivan mediante un sistema de regadío por canles. Así mesmo, destacan como artesáns.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Que está constituído por dúas sílabas.

    2. Verso que consta de dúas sílabas.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Mariscal ruso coñecido como Galen. De orixe obreira, serviu no exército tsarista ata 1916. En 1917 uniuse aos bolxeviques, chegando a ser delegado do partido en Samarra. Ao mando de tropas do Exército Vermello combateu, durante a guerra civil, contra os exércitos contrarrevolucionarios de Kolčak e Wrangel. En 1921 foi nomeado ministro da Guerra da República de Siberia. Dende 1922 ata 1938 foi comandante das forzas soviéticas no Extremo Oriente e, entre 1924 e 1928, foi conselleiro militar de Sun Yat-sen e de Chiang Kai-shek. En 1935 foi ascendido a mariscal. En 1937 presidiu o consello de guerra contra Zujachevski e pouco despois, entre 1938 e 1939, desapareceu víctima dunha depuración ordenada por Stalin. Foi rehabilitado en 1956, trala chegada ao poder de Kruščov.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Recipiente de barro ou doutro material, cun buraco pequeno e estreito por onde se introducen as moedas que se queren aforrar.

    2. Pequena bolsa de tea ou doutro material que vai cosida na roupa para levar cartos ou outras cousas.

    3. Peza de roupa ou parte dunha peza de roupa que se coloca sobre o peito e que se suxeita con tirantes.

    4. Peza dunha armadura que protexe o peito.

    5. Construción de pequeno tamaño que representa as ánimas do purgatorio e que conta cun peto para recibir esmolas. Situados nas beiras dos camiños e nas encrucilladas, son unha mostra do culto popular aos mortos. A maioría deles están feitos de pedra, aínda que tamén se realizaron en madeira. A súa finalidade é a de recoller a esmola (pecuniarias ou produtos agrícolas) que se ofrece polas ánimas do purgatorio que non acadaron o descanso e que, unha vez liberadas, intercederán polo oferente. Estas representacións comezaron a estenderse no s XVII, pero o seu máximo esplendor alcanzárono no s XVIII; atópanse espalladas por todo o territorio galego e portugués, pero a súa influencia foi máxima no S de Galicia e N de Portugal. A tipoloxía é variada: hai petos de man, que se gardan no interior das igrexas, decorados coa representación das almas no Purgatorio e xeralmente de madeira policromada; e petos fixos, pétreos, que poden ser exentos, formar parte de cruceiros, ou estar anexados a muros particulares...

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Ave da familia dos pícidos, da orde dos piciformes, que ten as temoneiras co extremo aguzado e a raque ríxida. Aliméntase de insectos e larvas que extraen das fendas da cortiza das árbores, cuxos troncos escala apoiándose no extremo do rabo.

    2. Paxaro duns 16 cm de longo, con sexos iguais, que ten o rabo longo e redondeado, o bico curto, recto e agudo, as patas moi curtas con dous dedos diante e dous detrás, e a plumaxe gris con raias negras, amarelas e terrosas. Cando está en perigo reacciona torcendo o pescozo e levando o bico á cola. Atópase nos bosques de folla caduca, aniña nos ocos das árbores e aliméntase de formigas. É un paxaro migratorio que no verán habita no centro e S de Europa e no inverno emigra a África. En Galicia a súa presenza é estival, especialmente nas zonas do interior.

    3. Ave de aproximadamente 21 cm e sen dimorfismo sexual, que ten a plumaxe negra e branca, pero co curuto vermello. Vive nas zonas altas dos bosques caducifolios e aliméntase de insectos, sementes, etc. Distribúese por Europa Central e Oriente Próximo, e a súa presenza en Galicia é rara.

    4. Ave de 47 cm de lonxitude, de sexos iguais, que presenta plumaxe de cor negra, ollos amarelos e unha mancha vermella no curuto, que nos machos é máis longa ca nas femias. Habita faiais e bosques montañosos de coníferas dunha gran parte de Eurasia. En Galicia só aparece como visitante.

    5. Ave de 14 cm de lonxitude, que presenta dimorfismo sexual. Ten a plumaxe negra e branca, pero mentres que o macho presenta unha mancha vermella no curuto, a femia tena de cor branca. Vive en bosques caducifolios, preto dos ríos, e distribúese por case toda Europa, aínda que en Galicia a súa presenza é moi pouco común.

    6. Ave de 23 cm de lonxitude, que ten a plumaxe nas partes superiores negra manchada de branco e as inferiores abrancazadas, e as cobertoiras inferiores caudais vermellas. O macho ten unha mancha vermella na caluga, da que carece a femia. Habita nos bosques dunha gran parte de Eurasia e no NL de África, alimentándose de insectos, larvas, arácnidos, piñóns, etc. En Galicia está estendido por todo o territorio.

    7. Ave de 31 cm de lonxitude, sen dimorfismo sexual, coa plumaxe verde, as partes inferiores máis claras e a rabadilla amarelada; as fazulas son cincentas e o curuto vermello. Habita en bosques e cultivos de Europa, Asia Menor e Irán, ata India, a partir dos 63°N. En Galicia é moi común en todo o territorio, agás en alta montaña.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Cada un dos anións complexos formados por silicatos que conteñen unidades estruturais de óxido de boro. Son compoñentes esenciais dos vidros resistentes ao lume.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Árbore de follas paripinnadas e flores pentámeras agrupadas en acios, orixinaria das Antillas e América tropical.

    2. Madeira dura e avermellada da árbore do mesmo nome empregada en ebanistería e da que se extrae, unha vez seca e pulverizada, unha materia colorante vermella.

    3. Materia colorante vermella extraída da madeira homónima, composta principalmente por brasilina, e empregada na tinguidura de peles e tecidos.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • ENTRADA LARGA

    Estado da América meridional. Limita ao N coa Guyana Francesa, Surinam, Guyana e Venezuela, ao O con Colombia, Perú e Bolivia, ao S con Paraguay, Arxentina e Uruguay, e ao L co Océano Atlántico (8.511.996 km2; 165.851.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 5° e os 34° de latitude N e os 74° e 35° de lonxitude O. A súa capital é Brasília.
    Xeografía física

    Relevo e xeoloxía
    En xeral, Brasil presenta un relevo monótono, de altitudes pouco marcadas (o 40% da superficie está sobre os 200 m e só o 7% sobre os 800). Predominan as formas compactas, os relevos tabulares e as superficies horizontais. Pódense diferenciar claramente, dende un punto de vista morfoestrutural, dúas grandes unidades: ao N a Amazônia, vasta área de subsidencia e sedimentación, drenada polo río Amazonas e os seus afluentes, que abrangue case a metade da superficie do Brasil; o resto do país, onde o relevo está dominado polo zócolo...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Expresión, palabra ou xiro propio do Brasil.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo ou pertencente ao Brasil, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. Habitante ou natural de Brasil.

    3. Variante da lingua portuguesa falada en Brasil.

    4. Arte desenvolvida no Brasil. A arte precolombina do Brasil ten pouco interese en comparación coa das grandes culturas amerindias xa que se reduce á produción de cerámica e tecidos. Os primeiros monumentos artísticos feitos polos portugueses foron igrexas. Estas construcións xunto coas súas imaxes e decoracións constitúen o inicio da arte colonial. No s XVII os xesuítas introduciron o Barroco. Os núcleos artísticos coloniais son tres: Recife, São Salvador de Baía e Minas Gerais. Destacan as igrexas da Conceição e São Francisco en Recife, a catedral de São Salvador de Baía, no estado de Minas Gerais, a igrexa de Ouro Preto en São Francisco, e en Rio de Janeiro, as igrexas dos mosteiros de São Bento e São Francisco. A figura máis destacada do barroco colonial foi o escultor mulato António Francisco Lisboa, coñecido como o Aleijadinho, figura lendaria da arte sudamericana. Na etapa neoclásica destacan o escultor Valentim de Fonseca e os pintores Sepúlveda e Ricardo do Pilar. O traslado...

    5. Cine producido no Brasil. A primeira longametraxe importante da cinematografía brasileira, O crime de Banhaos (1913), é representativa da etapa de vangarda de Vítor Capellaro, Luís de Barros e José Medina, que a principios de 1926 abriron unha corrente vangardista moi influída polas experiencias europeas. Con Humberto Mauro (Ganga bruta, 1933) comezou o desenvolvemento dun cine culturalmente autóctono. A fundación da produtora Veracruz deu unha serie de posibilidades para facer unha ampla variedade de documentais. Nos anos sesenta apareceu o Cinema Novo: Nelson Pereira dos Santos, Roberto Santos, Paulo César Saraceni, Rui Guerra, Carlos Diegues, Glauber Rocha, Walter Lima e Joaquim Pedro de Andrade representan o máis grande esforzo cultural do país e do seu contorno. A principios dos anos setenta os mesmos realizadores anunciaron a fin do Cinema Novo. A finais da mesma década, o intento de reestruturar a situación da industria cinematográfica no país mediante...

    6. As primeiras manifestacións literarias brasileiras están documentadas na obra do xesuíta canario José de Anchieta (1534?-1597), establecido no Brasil dende 1553. Foi autor da primeira gramática do tupí (Coimbra, 1595) e de numerosos traballos sobre a flora e fauna autóctona do Brasil. Os seus escritos están recollidos nos volumes Cartas, informações, fragmentos históricos e sermões (1933) e Poesias (1954). As letras brasileiras non colleron forza ata o s XVIII, cando aparecen, co neoclasicismo, poetas que cultivan as églogas á maneira de Virxilio como Claudio Manoel da Costa (1729-1789) e Tomás António Gonzaga (1744 - 1810), autor do poema amoroso Marilia de Dirceu (1792); José Basílio da Gama (1741-1795) atacou as misións xesuíticas no poema épico O Uruguai (1769), e José de Santa Rita Durão (1722-1784) tratou o tema da colonización no poema épico O Caramurú (1781), obra considerada en Brasil como a epopea nacional. O romanticismo,...

    7. A música brasileira, como a súa cultura en xeral, é mestura de formas africanas e portuguesas que se complementan coas raíces populares dos pobos indios, reflectido na produción musical, nas danzas populares (batuque, capoeira, luindu, samba, choro, balaio, lambada, etc) e na bossa nova, resultado deste compendio de culturas e ritmos. A partir do s XVI introducíronse na produción musical brasileira ritmos e instrumentos de percusión africanos que se converteron nun dos compoñentes de maior incidencia nos ritmos da música popular do Brasil, xunto coa achega dos colonizadores portugueses que introduciron moitos instrumentos de Europa e a música litúrxica da Igrexa Católica. Aínda que do s XVII hai escasa documentación musical, no s XVIII houbo grande actividade no eido musical, sobre todo en Minas Gerais. Por outra banda, ao longo do s XIX constatouse unha gran riqueza musical no Brasil como consecuencia do traslado da Corte de Portugal a Brasil, feito...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • CAPITAIS

    Capital de Brasil e do distrito federal de Brasília (5.814 km2) situada nun altiplano da rexión nordeste (1.803.478 h [1989]). A súa situación cara ao interior mostra o espírito dos seus promotores de dirixir Brasil cara á colonización dun continente practicamente baldeiro. Brasília foi oficialmente inaugurada no ano 1959. Ao ano seguinte foi declarada capital dos Estados Unidos do Brasil. O seu crecemento acelerouse debido á grande afluencia de man de obra e de funcionarios. En 1961 fundouse a Universidade de Brasília. O plano urbanístico de Brasília é obra de Lúcio Costa, discípulo directo de Le Corbusier. Costa ideou Brasília como unha cidade funcionalmente diferenciada e zonificada, aplicou os principios do máis ríxido racionalismo urbanístico mediante unha organización dos seus barrios, prestando atención ás funcións profesionais, feito co que asentou un principio de desintegración clasista. A cidade, de planta triangular, estende dous dos seus lados de xeito paralelo a...

    VER O DETALLE DO TERMO