brasileiro -ra
-
adx
Relativo ou pertencente ao Brasil, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Habitante ou natural de Brasil.
-
s
m
[LING]
Variante da lingua portuguesa falada en Brasil.
-
arte brasileira
[ARTE]
Arte desenvolvida no Brasil. A arte precolombina do Brasil ten pouco interese en comparación coa das grandes culturas amerindias xa que se reduce á produción de cerámica e tecidos. Os primeiros monumentos artísticos feitos polos portugueses foron igrexas. Estas construcións xunto coas súas imaxes e decoracións constitúen o inicio da arte colonial. No s XVII os xesuítas introduciron o Barroco. Os núcleos artísticos coloniais son tres: Recife, São Salvador de Baía e Minas Gerais. Destacan as igrexas da Conceição e São Francisco en Recife, a catedral de São Salvador de Baía, no estado de Minas Gerais, a igrexa de Ouro Preto en São Francisco, e en Rio de Janeiro, as igrexas dos mosteiros de São Bento e São Francisco. A figura máis destacada do barroco colonial foi o escultor mulato António Francisco Lisboa, coñecido como o Aleijadinho, figura lendaria da arte sudamericana. Na etapa neoclásica destacan o escultor Valentim de Fonseca e os pintores Sepúlveda e Ricardo do Pilar. O traslado da corte portuguesa a Brasil en 1808 impulsou considerablemente a arte e achegou influencias francesas e italianas. Ata o s XX a estética predominante foi a neoclásica ecléctica. A Semana de Arte Moderna (1922), que tivo como precedentes as exposicións de pintura de Lasar Segall (1913) e de Anita Malfatti (1916), e de escultura de Vic22tor Becheret, representou a primeira vitoria do movemento de revalorización do elemento autóctono que se formara nos inicios do século. Este movemento, coñecido como revolución modernista, levou a arte brasileira por vías europeas. Manifestaba caracteres orixinais indíxenas e tamén tiña contribucións africanas. Participaron naquela Semana os pintores Emiliano di Calvalcanti e Anita Malfatti, o escultor Vic22tor Becheret e o gravador Oswaldo Goeldi. Nestes anos de renovación, a pintora Tarsila do Amaral creou unha nova modalidade artística que denominou antropofáxica. En 1935 Rio de Janeiro constituíuse como cabeza da renovación artística, cando menos ata 1949. A esta cidade están ligados pintores como Cándido Portinari, Cicero Dias e José Pancetti. A arte dos anos sesenta evolucionou vinculada aos movementos artísticos internacionais. Ten un interese especial a escola brasileira de arquitectura. Lúcio Costa, director da Escola de Belas Artes de Rio de Janeiro, formou en 1930 un grupo de arquitectos excepcionais: Rino Levi, Afonso Reidy, Marcelo e Milton Roberto e, sobre todo, Oscar Niemeyer, que lle deron un carácter nacional ao racionalismo esquemático de Le Corbusier, ao unir as fórmulas tradicionais do país coas últimas conquistas técnicas nun neobarroco peculiar. As novas construcións sobrepuxéronse ás vellas cidades (Rio de Janeiro), substituíronas (São Paulo) ou crearon novos conxuntos urbanos (Brasília). En 1947 creáronse os museos de arte moderna de São Paulo e de Rio de Janeiro. En 1951 tivo lugar a primeira bienal de São Paulo, exposición de gran trascendencia na vida artística internacional. A pintura de vangarda que busca, como en Europa, novas técnicas está representada por C. Meireles, H. Oticica, Chico da Silva, Oliveiros e Heitor dos Prazeres, entre outros. A escultura está ligada, dende os anos sesenta, ás correntes internacionais, entre outros está representada por Ernesto de Fiori, Bruno Giorgi, Amílicar de Castro e Sérgio Camargo.
-
cine brasileiro
[ARTE]
Cine producido no Brasil. A primeira longametraxe importante da cinematografía brasileira, O crime de Banhaos (1913), é representativa da etapa de vangarda de Vítor Capellaro, Luís de Barros e José Medina, que a principios de 1926 abriron unha corrente vangardista moi influída polas experiencias europeas. Con Humberto Mauro (Ganga bruta, 1933) comezou o desenvolvemento dun cine culturalmente autóctono. A fundación da produtora Veracruz deu unha serie de posibilidades para facer unha ampla variedade de documentais. Nos anos sesenta apareceu o Cinema Novo: Nelson Pereira dos Santos, Roberto Santos, Paulo César Saraceni, Rui Guerra, Carlos Diegues, Glauber Rocha, Walter Lima e Joaquim Pedro de Andrade representan o máis grande esforzo cultural do país e do seu contorno. A principios dos anos setenta os mesmos realizadores anunciaron a fin do Cinema Novo. A finais da mesma década, o intento de reestruturar a situación da industria cinematográfica no país mediante un acordo entre cineastas e goberno, coa creación da empresa estatal Embrafilms, fracasou a raíz da crise económica. Non obstante , no período medio reapareceron algúns dos protagonistas do Cinema Novo, como Carlos Diegues, Rui Guerra e Glauber Rocha. Destacan tamén nomes como Heitor Babenco, Tizuka Yamasaki ou Nelson Pereira dos Santos. A mediados dos anos oitenta a situación era a da mesma crise anterior, e a principios dos anos noventa só se estrearon un terzo das películas producidas.
-
literatura brasileira
[LIT]
As primeiras manifestacións literarias brasileiras están documentadas na obra do xesuíta canario José de Anchieta (1534?-1597), establecido no Brasil dende 1553. Foi autor da primeira gramática do tupí (Coimbra, 1595) e de numerosos traballos sobre a flora e fauna autóctona do Brasil. Os seus escritos están recollidos nos volumes Cartas, informações, fragmentos históricos e sermões (1933) e Poesias (1954). As letras brasileiras non colleron forza ata o s XVIII, cando aparecen, co neoclasicismo, poetas que cultivan as églogas á maneira de Virxilio como Claudio Manoel da Costa (1729-1789) e Tomás António Gonzaga (1744 - 1810), autor do poema amoroso Marilia de Dirceu (1792); José Basílio da Gama (1741-1795) atacou as misións xesuíticas no poema épico O Uruguai (1769), e José de Santa Rita Durão (1722-1784) tratou o tema da colonización no poema épico O Caramurú (1781), obra considerada en Brasil como a epopea nacional. O romanticismo, iniciado por Domingo José Gonçalves de Magalhães (1811-1882) coa obra Suspiros poéticos e lembranças (1836), reaccionou contra a tradición portuguesa e buscou a inspiración na cultura autóctona. Xurdiu así o indixenismo: António Gonçalves Dias (1823-1864) escribiu a epopea Y-Juca Piraina (O que morrerá), en lingua tupí. Nela exalta a figura do “bo salvaxe”, á maneira de Jean-Jacques Rousseau. O primeiro novelista brasileiro destacado foi José Martiniano de Alencar (1829-1877), autor de O Guaraní (1857), tamén indixenista. Outros poetas románticos son Manuel António Álvares de Azevedo (1831-1852), autor de narracións e poesías agrupadas postumamente en Narrações e poemas (1853 e 1855); António de Castro Alves (1847-1871), quen tratou temas de denuncia social e poemas contra a escravitude e en defensa dos negros, como é o caso da súa obra Os escravos (1883) e Manuel António de Almeida (1831-1861), quen tratou os mesmos temas en prosa e consolidou a tradición autóctona. En 1897 a creación da Academia Brasileira das Letras provocou unha reacción contra os excesos románticos, o que se observa nas novelas de Joaquim Machado de Assís (1839-1908) e de Aluizio de Azevedo (1857-1913). A finais de século, aparece a influencia do parnasianismo, especialmente nas Poesías (1888) de Olavo Bilac (1865-1918). Tamén foron parnasianos Alberto de Oliveira (1859-1937), autor de Cartas peninsulares (1895); Raimundo Correia (1859-1911) e Vicente Carvalho (1866-1934). Ao mesmo tempo, o Simbolismo influíu na obra de João da Cruz e Sousa (1861-1898), destacado poeta con obras como Faróis (1900) e Últimos sonetos (1905). Ademais destas dúas tendencias, Augusto de Anjos (1887-1914) recibiu a influencia do positivismo científico. A principios do s XX destacou a obra novelística de Afonso Henrique de Lima Barreto (1881-1922) e a obra Os sertões (1902), onde o etnólogo e sociólogo Euclides da Cunha (1866-1909) analizou as condicións de vida do nordeste brasileiro, que influíu na narrativa posterior. A Semana de Arte Moderna de São Paulo (1922) abriu as portas ao vangardismo en oposición á literatura representada pola Academia. Oswald de Andrade (1890-1954) contribuíu á consolidación da nova estética do país, con obras como Pau-Brasil (1925); Mário de Andrade (1893-1945) fixo experimentos de distorsión lingüística nas súas composicións poéticas (Macunäima, 1928) e estudiou a música popular brasileira (Ensaio sobre a música brasileira, 1928). Tamén destacaron Ronald de Carvalho (1892 - 1934) e Manuel Bandeira (1886-1968), que conciliou o vangardismo coa literatura máis tradicional. A narrativa contemporánea ten o seu punto de partida na Casa grande e senzala (1933), obra do sociólogo Gilberto Freyre, onde analizou a vida na facenda. Os novelistas máis representativos son: Graciliano Ramos (1892-1953), autor das novelas Infância (1945) e Memórias do cárcere (1953), entre outras; Jorge Amado (1912-1998), quen denunciou a situación social de Brasil e publicou, entre outras obras, as novelas Gabriela cravo e canela (1938), Os velhos marinheiros (1961) e Dona Flor e os seus dois maridos (1971) e João Guimarães Rosa (1908-1967), autor de Grande Sertão: veredas (1956), obra dunha gran creación verbal, baseada na observación do mundo do nordeste. Ao mesmo tempo, xurdiu no sur un grupo de novelistas, máis cosmopolitas e ligados á tradición europea, entre os que destaca Érico Veríssimo (1905-1975), autor de O arquipélago (1963). A partir do ano 1955 xurdiu o movemento Novo Romance Brasileiro (relacionado directamente co nouveau roman francés). Entre os seus autores destaca Clarice Lispector. Na poesía contemporánea destacan figuras como Augusto Frederico Schmidt, Jorge Lima, Carlos Drummond de Andrade, Cecília Meirelhes, Vinícius de Moraes e, sobre todo, João Cabral de Melo Neto, poeta de técnica depurada e preocupación social. Despois del xurdiu o Movimento de Poesia Concreta e a bossa nova musical, dirixidas por Augusto de Campos e João Gilberto. Despois veu o tropicalismo, con José Carlos Capinan e Torquato Neto, xunto cos poetas-cantores Caetano Veloso e Gilberto Gil. Entre os escritores máis destacados dos últimos tempos están Gramiro de Matos, Ricardo G. Ramos, Carlos Nejar, Mário Chamie, Gildo Magalhães, A. Dourado, Lygia Fagundes Telles, Nélida Piñón e J. Ubaldo Ribeiro, entre outros.
-
música brasileira
[MÚS]
A música brasileira, como a súa cultura en xeral, é mestura de formas africanas e portuguesas que se complementan coas raíces populares dos pobos indios, reflectido na produción musical, nas danzas populares (batuque, capoeira, luindu, samba, choro, balaio, lambada, etc) e na bossa nova, resultado deste compendio de culturas e ritmos. A partir do s XVI introducíronse na produción musical brasileira ritmos e instrumentos de percusión africanos que se converteron nun dos compoñentes de maior incidencia nos ritmos da música popular do Brasil, xunto coa achega dos colonizadores portugueses que introduciron moitos instrumentos de Europa e a música litúrxica da Igrexa Católica. Aínda que do s XVII hai escasa documentación musical, no s XVIII houbo grande actividade no eido musical, sobre todo en Minas Gerais. Por outra banda, ao longo do s XIX constatouse unha gran riqueza musical no Brasil como consecuencia do traslado da Corte de Portugal a Brasil, feito que promoveu a chegada de músicos e tendencias musicais que estaban en auxe en Europa, destacando no eido da composición autores como José M. Nunes García (1767-1830), mestre de capela da catedral de Rio de Janeiro e autor de obras sacras como Misa de réquiem (1816); Francisco Manuel da Silva (1795-1865), fundador do Conservatorio de Rio de Janeiro (1847) e autor da peza Hino ao 7 de abril (1831), convertida posteriormente no himno nacional brasileiro; Carlos Gomes (1836-1896), quen compuxo moito no campo operístico e representou en Rio de Janeiro en 1861 a súa primeira obra titulada A noite do castelo e en 1870, na Scala de Milán, Il guarany, que acadou grande éxito e foi representada en gran parte de Europa, ou Alberto Nepomuceno (1864-1920), figura importantísima no nacionalismo musical do Brasil como ben se reflicte na súa obra Série brasileira (1892). Unha das figuras máis representativas na música brasileira do s XX é o compositor Heitor Villa-Lobos (1887-1959), representante do nacionalismo musical e fundador da Academia Brasileira de Música en Rio de Janeiro (1945), foi autor das nove Bachianas brasileiras (1930-1945), pezas onde mesturou a influencia de Bach coa tradición popular do Brasil. A vangarda musical brasileira está representada por Marlos Nobre (1939) e Carlos Roqué Alsina (1941), entre outros. Co xurdimento da bossa nova, baseada sobre todo na samba e influída polo jazz, a música brasileira vai adquirir un dos estilos e ritmos que a caracterizarán máis fondamente ao longo da súa historia musical. Apareceron figuras moi relevantes que, tanto na poesía como na canción, deixaron a súa pegada; personaxes como o poeta/cantor Vinícius de Moraes, o saxofonista Stan Getz ou o compositor António Carlos Jobim, uníronse ás novas tendencias e vinculáronse á bossa nova nas súas creacións. Na actualidade a música brasileira segue a ter ese carácter multirracial que a caracterizou nas súas orixes. Ritmos tradicionais como a samba, a bossa nova, a embolada, ou o maracatú, teñen novas vías de expresión a través de novos ritmos modernos e novas tendencias musicais; a través do metal, hip-hop ou do rock as novas xeracións de músicos unen a vangarda co popular, traballando conxuntamente cos veteranos tropicalistas. Na actualidade, figuras como Caetano Veloso, Maria Bethania, João Gilberto, Marisa Monte, Daniela Mercury, Margareth Menezes, Djavan, Toquinho, Gal Costa, Carlinhos Brown, Milton Nascimento, Elis Regina, Simone, María Creuza, Carlos Lyra e Chico Buarque de Holanda, entre outras, son testemuñas desta creatividade musical.